Balance da PAC 2025 en Galicia: exceso de burocracia e un ecorrexime de sega mellorable

O agro galego tramitou case 22.000 solicitudes das axudas da Política Agraria Común para un total de 450.000 hectáreas. O 70% dos produtores inscribíronse nun ecoesquema, que aporta beneficios medioambientais adicionais

Balance da PAC 2025 en Galicia: exceso de burocracia e un ecorrexime de sega mellorable

O actual ciclo da PAC 2023 – 2027 acada o seu ecuador sen que teñan chegado a bo porto as promesas de simplificación e adaptación ás necesidades dos produtores. En Galicia, Unións Agrarias vén de facer balance da campaña 2025 das axudas da PAC, que rematou esta semana o seu prazo de solicitude. A primeira gran carencia que detectan é o colapso do proceso de solicitude, unha circunstancia que atribúen á excesiva burocracia.

“A plataforma informática de solicitude colgábase de xeito sistemático, mesmo días enteiros, con erros que se producían con demasiada frecuencia”, advirte Javier Iglesias, responsable da PAC en Unións Agrarias.

“Por que sucedía iso?. Porque o programa informático ten que validar toda a información que se introduce para cada parcela, que é inxente. Cada PAC que tramitamos nós en Galicia ten unha media de 75 parcelas e para cada parcela hai que marcar numerosos datos, moitos deles sen ningún sentido, como o da data de sementeira ou a data de colleita, que por forza tiveron que ser aproximados”, valora Iglesias.

“En Andalucía, moitas explotacións fan a PAC con 2 parcelas, pero aquí temos PACs de 300 parcelas e mesmo un caso dunha de 1.500 parcelas”, compara Félix Porto, vicesecretario xeral de Unións.

“É necesario que haxa unha simplificación verdadeira” -demanda Iglesias-. “No noso caso, tramitamos 4.250 PACs dos nosos afiliados e iso supuxo que tivésemos que introducir os datos de 350.000 parcelas e máis de 25.000 fotos xeorreferenciadas. O inxente volume de datos que ten que validar a aplicación informática explica os fallos que sufriu, que se produciron con demasiada frecuencia. De cara ó futuro, faise preciso simplificar de verdade a PAC, porque cada vez que Bruxelas fala de flexibilizar, as cousas complícanse aínda máis”, cuestiona Javier Iglesias.

“Introducimos os datos de 350.000 parcelas e máis de 25.000 fotos xeorreferenciadas. Esta inxente burocracia ten que solucionarse” (Javier Iglesias)

Adaptacións nos ecorreximes
Un segundo punto de análise radica nos ecorreximes, os pagos voluntarios implantados na Política Agraria Común (PAC) para favorecer boas prácticas ambientais. O 70% dos solicitantes da PAC en Galicia, algo máis de 15.000, solicitaron algún ecorrexime este ano.

Os principais foron dous, o de rotación de cultivos, ligado principalmente ás explotacións lácteas que fan rotación millo – raigrás, e o de pastoreo extensivo, vinculado máis ás ganderías de carne. Hai un terceiro ecorrexime que se pensou para a Cornisa Cantábrica, o de sega sostible e illas de biodiversidade, pero que na práctica se está demostrando pouco útil, pois en toda Galicia foron só 1.394 explotacións as solicitantes, un 6% do total de beneficiarios da PAC na comunidade.

“É un ecorrexime que hai que adaptar á realidade de Galicia porque os requisitos que marca non encaixan coas necesidades das ganderías”, valora Iglesias.

No caso de Unións Agrarias, das 4.250 solicitudes que presentaron, só 106 solicitaron a sega sostible. “Tivemos un 80% de solicitudes da PAC que solicitaron algún ecoesquema, unha porcentaxe lixeiramente superior á media galega, pero a maioría foron para pastoreo extensivo (2.350) e rotación de cultivos (620)”, sinala Iglesias.

A maioría dos ecorreximes líganse á gandería, se ben tamén hai ecorreximes pensados para viña e froiteiras. No caso de Unións, presentarónse arredor de 250 solicitudes para o ecorrexime de cubertas vexetais en viñedos.

A PAC 2028 – 2034 comeza a negociarse este mes de xullo en Bruxelas

O sector agrario está preocupado pola próxima negociación do Marco Financieiro Plurianual 2028 – 2034 da UE, que se comeza a abordar o próximo mes de xullo. Hai temor a unha reducción de fondos para o agro e mesmo a unha nacionalización da PAC, que deixaría de ser común para Europa.

Ante esta situación, o ministro de Agricultura español, Luis Planas, asinou unha carta conxunta con outros 19 Estados membros na que lle piden a Bruxelas manter a Política Agraria Común como “estratéxica, independente e autónoma”.

A maioría dos ministros da UE, entre eles o español, o francés, o italiano e o portugués, por citar algúns, piden unha PAC que manteña unha boa dotación financieira, unha persoalidade xurídica propia e separada do resto de políticas comunitarias. Avogan ademais por manter os dous piares actuais: axudas directas e desenvolvemento rural.

Alemania, Suecia ou Holanda, entre os Estados membros reticentes a manter o actual sistema da PAC

Nos próximos meses, haberá que ver se é posible un acordo cos Estados máis reticentes á PAC, como Alemania, Suecia, Dinamarca, Finlandia, Holanda ou Bélxica.

“A PAC é un mecanismo fundamental para manter a agricultura no medio rural, pois contribúe a compensar as baixas rendas da actividade agraria” -advirte Félix Porto.- “É ademais unha política que contribúe a medidas que favorecen ó medioambiente e que lle permite ó consumidor comunitario mercar os alimentos a un prezo accesible”, lembra.

Desde Unións Agrarias defenden a continuidade dunha Política Agraria Común forte e da que non se detraian fondos para a Defensa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información