O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o impacto da Lei de Recuperación de Terra Agraria, que cumpre agora catro anos en marcha.
Esta Lei creou instrumentos como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo co obxectivo de volver poñer en produción de xeito conxunto terras abandonadas. En total, Medio Rural calcula que a través destes instrumentos se están mobilizando arredor de 10.200 hectáreas, en distintas fases de implantación.
A maior parte corresponde a 9.500 hectáreas de 34 polígonos agroforestais de iniciativa pública, en distintas fases de tramitación. Tamén hai 574 hectáreas de 21 aldeas modelo e 183 hectáreas de permutas de especial interese agrario.
En paralelo, séguese traballando mediante ferramentas como o Banco de terras, que Xunta destaca que xestiona actualmente máis de 7.000 hectáreas de terreo distribuídas en máis de 18.000 parcelas, e coa posta en marcha do Banco de explotacións, que neste ano 2025 incorporará os seus primeiros rexistros.
Así mesmo, estanse implementando os diferentes instrumentos de planificación, como son o futuro Mapa de usos agroforestais, o Catálogo de solos agropecuarios e forestais ou o Visor de solos agropecuarios e forestais.
Medidas de fomento
Todo isto se apoia en medidas de fomento, entre as cales destaca este ano unha nova liña de axudas destinadas á posta en marcha de novas iniciativas para a mobilización e recuperación de terras, como a declaración de permutas de especial interese agrario e polígonos de iniciativa privada.
No caso concreto das permutas, a axuda estará destinada a atender os gastos notariais e de inscrición no Rexistro da Propiedade, derivados destas iniciativas. Xunto con estes gastos, tamén se habilitará unha liña de axudas para os custos dos servizos técnicos necesarios para levar a cabo os ditos traballos.
Ademais, habilitaranse subvencións para conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en zonas de alta produtividade agraria que posúan alto valor paisaxístico vinculado á actividade e/ou elementos naturais para protexer ou conservar.
Outras medidas de fomento pasan por colaborar coa recuperación de terras a través de proxectos xestionados polos grupos de desenvolvemento rural.