Balance da IXP Ternera Gallega en 2024: Un 5% máis de carne comercializada pero menos xatos marcados

O Consello Regulador xustifica a caída de machos e femias identificados o ano pasado na “situación sanitaria” das ganderías, derivada de enfermedades como a EHE e a lingua azul

Acto de promoción de da IXP Ternera Gallega no salón Gourmets en abril do ano pasado

Acto de promoción da IXP Ternera Gallega no salón Gourmets en abril do ano pasado

A IXP Ternera Gallega informou hoxe en nota de prensa do seu balance de 2024, no que destaca o incremento nun 5% no volume de carne comercializada respecto ao ano anterior, alcanzando as 24.167 toneladas; o que supón, ademais, a cifra máis alta na historia do selo de calidade. Porén, o balance provisional feito público polo Consello Regulador tamén reflicte unha perda explotacións e unha reducción en case 5.000 animais marcados.

Máis polo miúdo, a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega rematou o ano 2024 cun aumento do 5% no volume de carne comercializada respecto ao ano anterior, alcanzando as 24.167 toneladas; o que supón, ademais, a cifra máis alta na historia do selo de calidade. Tamén logrou un dato histórico en canto ao número de canais certificados, que se incrementou un 3,7%, ata as 104.655.

“Dá froitos o esforzo constante do Consello Regulador pola divulgación e promoción da carne amparada pola IXP”, afirman dende o Consello Regulador, que o ano pasado realizou un importante esforzo de promoción en toda España cunha campaña por valor de 1,4 millóns de euros.

Estes datos positivos contrastan coa caída nos machos e femias identificados, que foi dun 4%, até os 131.135 animais. “No ámbito gandeiro, estase producindo un estancamento á baixa do número de explotacións de vacún de carne”, recoñecen desde o selo de calidade de vacún de carne.

“Nas explotacións tradicionais con vacas nais produtoras de Ternera Gallega Suprema, esta baixada está relacionada coa situación sanitaria nas ganderías, derivada das enfermidades EHE e Lingua azul, tanto polos períodos de vacinación como pola súa afección sobre a xestación das vacas. No caso da categoría comercial Ternera Gallega, o descenso explícase pola escaseza de animais cruzados aptos para cebar de razas admitidas pola IXP”, argumenta a nota enviada, que non detalla o número de animais marcados en cada unha das categorías.

Causas destas oscilacións

A estas explicacións habería tamén que engadir a retirada das axudas da Xunta e na evolución dos prezos da carne de vacún en España no segundo semestre de 2024. Así, animados pola expectativa de repetición do pago das axudas de 200€ por becerro sacrificado en Suprema que a Xunta outorgara no 2023, o ano comezou cun maior interese das explotacións por marcar os seus animais co selo da IXP, pero este interese decaeu en canto desde a Consellería se anunciou que, cos prezos acadados este ano, non existía xustificación algunha para un pago compensatorio deste tipo.

Do mesmo xeito, o 2024 estivo marcado por unha importante revalorización da carne en orixe a nivel de toda España, debido sobre todo ao aumento da demanda pola exportación de animais vivos a países como Marrocos. O aumento de prezos levou a que unha parte dos produtores comezaran a vender á marxe do selo de calidade xatos que estaban marcados pola IXP.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información