Balance da aplicación do pago verde da PAC en España

O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) destaca que en 5 anos case se dobrou o número de explotacións que teñen 4 ou máis cultivos implantados, o que interpreta que potencia a biodiversidade

Balance da aplicación do pago verde da PAC en España

Cultivo de xirasol en Galicia. / Arquivo.

O último informe sobre a aplicación do pago verde da PAC en España vén de presentarse. Nel, o Fondo Español de Garantía Agraria fai un balance dos cinco anos que leva en marcha este pago. Como principal elemento a destacar, o Fega sinala que as explotacións que teñen implantados 4 ou máis cultivos diferentes pasaron de representar un 37% no 2014 a un 62% no 2019.

A implantación do chamado pago verde (greening) obrigou a que os profesionais beneficiarios da PAC introducisen unha serie de prácticas para mellorar a biodiversidade e a conservación do solo. Entre elas, destaca a evolución cara unha maior diversificación de cultivos, o mantemento nas explotacións dun 5% de Superficies de Interese Ecolóxico (SIE) e a conservación de pastos permanentes.

En Superficies de Interese Ecolóxico, España mantivo nos últimos cinco anos unhas cifras semellantes. Como prácticas de interese para cumplir coa porcentaxe de SIE que se lle esixe ás explotacións de máis de 15 hectáreas, o Fega incide no uso de cultivos fixadores de nitróxeno e no emprego do barbeito.

Os pastos permanentes, que non se laborean nin se destinan a outros usos, tamén manteñen unha superficie similar, cun leve incremento na última campaña. Agricultura incide en que os pastos permanentes teñen gran importancia como sumidoiros de carbono, co conseguinte beneficio na loita contra o cambio climático.

Datos de evolución de cultivos

  • Cultivo de cereais: É un cultivo importante para entrar na práctica de diversificación de cultivos, pero non é válido para as Superficies de Interese Ecolóxico. O seu uso en España mantense por riba dos 6 millóns de hectáreas nos últimos anos, con lixeiras variacións. En Galicia, na última campaña houbo máis de 32.000 hectáreas de cereal contabilizadas.
  • Barbeito. Nos últimos anos, a superficie a barbeito en España rondou os 2,4 millóns de hectáreas, fronte ós 2 millóns do ano 2014. A cifra actual representa un 22% da superficie agraria. O sentido principal do barbeito é o de favorecer a conservación de nutrientes e auga no solo para o posterior ciclo de cultivo, á vez que se favorece a biodiversidade. En Galicia, na última campaña houbo 3.920 hectáreas de barbeito declaradas.
  • Leguminosas, oleaxinosas e proteaxinosas. Son cultivos que contabilizan para a Superficie de Interese Ecolóxico e que ademais poden optar á axuda asociada para cultivos proteicos cando se destinan á alimentación animal. Representaron 1,7 millóns de hectáreas no 2019, cun lixeiro descenso en relación ó ano anterior.

    En Galicia hai computadas 300 hectáreas de proteaxinosas (guisantes, fabas, altramuces, etc.), 1.800 hectáreas de leguminosas (veza, avea, etc.) e 500 de leguminosas forraxeiras plurianuais. Tamén hai declaradas 92 hectáreas de oleaxinosas (xirasol, colza).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información