O consumidor actual ten un estilo de vida baseado no control de gasto, no coidado privado e na moderación. A xeración boomer (entre 60-87 anos) é a que consome viño en España. Baixo estas premisas comezaba este pasado venres no Pazo de Mugartegui a presentación ao sector de Rías Baixas do informe da Consultora NielsenIQ sobre “O Mercado Español dos Viños de Rías Baixas”, proxecto subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
O secretario xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Ramón Huidobro, foi o encargado de dar a benvida aos preto de medio cento de profesionais asistentes, entre os que se atopaban o presidente do Consello Regulador, Isidoro Serantes; e o deputado provincial de Turismo, Recursos Humanos e Servizos Centrais, Jesús Vázquez Almuiña, a quen agradeceu a colaboración da entidade provincial na elaboración deste informe.
Crecemento e oportunidades
Huidobro destacou que “se está facendo un bo traballo por parte do sector. As adegas están a facer un gran labor na comercialización dos seus viños. Seguimos tendo ese liderado no noso posicionamento, seguimos crecendo nos mercados, crecemos en volume, crecemos en valor, crecemos en alimentación e na canle Horeca pero tamén é certo que hai territorios onde aínda podemos seguir explorando posibilidades de posicionamento e seguir incrementando a nosa presenza”.
Neste sentido, lembrou que o Plan Director 2030 “xa nos dicía que tiñamos que crecer en volume, en vendas e en valor. Os datos que hoxe nos presentaron indican que se está crecendo en vendas e en valor, pero creo que temos que seguir traballando porque hai áreas en España onde temos a posibilidade de seguir introducindo os nosos viños. Sabemos que en Galicia e na zona de Levante estamos ben posicionados, pero na área metropolitana de Madrid hai oportunidades de crecemento, tamén na área metropolitana de Barcelona e Andalucía, e temos que reforzar a cornixa Cantábrica. Hai opcións e o consumidor, polo que estamos a ver, acepta o noso prezo e acepta a nosa calidade, polo que é cuestión de máis esforzo e máis traballo para seguir desenvolvendo cousas novas, produtos premium para seguir entrando neses segmentos”.
Huidobro destacou que Rías Baixas está situada entre o top-ten dos viños con Denominación de Orixe máis vendidos en España tanto en hostalería como en alimentación, onde ocupa a oitava posición en volume e a cuarta en valor. “Isto é moi indicativo pois significa que os consumidores valoran o noso produto e aínda por riba son capaces de pagar un pouco máis por el. Para a nosa competencia, o que temos que facer é seguir diferenciándonos nesa calidade, seguir insistindo na nosa diferenciación, en por qué os nosos viños son máis caros que a competencia para que consumidor siga apostando por eles, siga valorándoos e siga comprándoos”.
Pola súa banda, Josu Andrés Pérez e Bernardo Martí, customer success leader SMB e account development da Consultora NielsenIQ expuxeron os principais datos do informe, relativos á evolución entre abril de 2025 e marzo de 2026. Josu Andrés Pérez destacou que “o consumo do viño en España tense mantido estable. No caso da DO Rías Baixas está a crecer o seu consumo tanto en alimentación como en hostalería polo bo desempeño que están a realizar e que poden aproveitar para seguir crecendo e construíndo marca. É un bo momento para que se consuma máis noutras rexións de España”.
Contexto do mercado nacional
Segundo o informe da Consultora NielsenIQ, os viños con Denominación de Orixe no mercado nacional diminuíron as súas vendas na canle de alimentación e hostalería: Nun 1,3% en volume, alcanzando os 359 millóns de litros; e nun 0,5% en valor, chegando aos 2.332 millóns de euros. A Denominación de Orixe Rías Baixas atópase no top-ten do principais denominacións de orixe de España tanto en volume, onde se sitúa na oitava posición; como en valor, onde ascende á cuarta posición. De feito, Rías Baixas é a denominación de orixe española que máis creceu en cota de valor: cinco décimas, desde o 4,8% de marzo de 2025 ata o 5,3% en marzo de 2026.
Centrados en Galicia, os viños galegos con Denominación de Orixe incrementaron as súas vendas en valor (+14,7%, 266,2 millóns de euros) e en volume (+12,7%, 26,4 millóns de litros). De todas as vendas do viño branco con D.O. en España, o 28,4% provén de marcas de Galicia, onde a D.O. Rías Baixas é a de maior produción, vendas e valor. Ademais, a media de venda ao público de Galicia é o máis alto de España, tanto nas canles de alimentación como de hostalería, ambos os liderados pola D.O. Rías Baixas.
Universo Rías Baixas
A evolución das vendas da principal D.O. galega ascendeu un +9,1% en volume e un +8,6%en valor, onde destaca o seu gran peso na canle da hostalería. Así as cousas, o 2,1% de todo o viño con D.O. que se vende na canle de alimentación en España pertence a Rías Baixas, que ademais é a terceira denominación española en volume de vendas de viño branco con Denominación de Orixe nas canles de alimentación e hostalería no país. Se ampliamos estes datos ao segmento de viño con Denominación de Orixe, Rías Baixas ocupa o cuarto lugar no TOP 10 de D.O. de España en cota de valor e o oitavo en volume de vendas.
Segundo explica o informe da Consultora Nielsen IQ, as áreas con maior venda dos viños de Rías Baixas, tanto en alimentación como hostalería, son o Noroeste de España (Galicia, Asturias e León) e o Leste (Comunidade Valencia e Murcia, así como Albacete). Séguenlles o Nordés de España (Cataluña, Huesca e Zaragoza), Sur de España (Andalucía, sur de Estremadura), a área metropolitana de Madrid e o Norte do país (Cantabria, A Rioxa e País Vasco, xunto con Burgos e Palencia). Como apuntamento, de todas as vendas de viño con D.O. na área Metropolitana de Madrid, o 2,6% provén de marcas amparados co Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Galego









Control OJD