Baixadas nos prezos da recría e suba do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas nas cotizacións da recría e subas en tódalas categorías do vacún maior. Continúan sen cambios as mesas do porcino e do ovo

Baixadas nos prezos da recría e suba do vacún maior en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes baixadas dos prezos da recría, aínda que tamén houbo excepcións con destacadas subas nos animais de cruzamentos industriais. No vacún maior a tendencia foi á alza. Mentres, as mesas de cotización do porcino mantivéronse sen cambios, ó igual que os prezos dos ovos e do coello.

Nos becerros de recría frisóns, nos animais máis novos, de menos de 20 días, a baixada foi de 2 euros ata situarse nos 59 euros. Na categoría de entre 20 e 50 días, a sección máis representativa, rexistrouse unha mínima suba de menos dun euro, co que se cotizan a un prezo medio de 82 euros. Nos becerros de máis de 50 días produciuse unha baixada de 13 euros e pasan a cotizarse a 111 euros.

A tendencia foi irregular no caso dos becerros de Cruzamentos industriais. Así, os animais de menos de 20 días experimentaron un incremento do valor de 25 euros, ata situarse nos 235 euros. A categoría máis numerosa, os becerros de entre 20 e 50 días, reduciron o seu prezo en 23 euros, ata os 235 euros. No caso dos animais de máis de 50 días houbo unha suba de 7 euros e cotizáronse a 335 euros.

No tocante ó gando de abasto, os animais carniceiros de raza Frisoa experimentaron unha suba de 41 euros, ata situarse nos 387 euros. Nos exemplares de cruces industriais, os machos reduciron o seu valor en 12 euros, pasando ós 821 euros. Pola contra, no caso das femias, produciuse unha suba de 56 euros, co que acadaron un prezo medio de 754 euros. Aqueles exemplares que contaban co selo Ternera Gallega Suprema cotizáronse a un prezo de 904 euros, 38 euros por encima do rexistrado a pasada semana.

No vacún maior tódalas categorías experimentaron subas. Nas vacas de primeira o incremento foi de 4 euros, para acadar os 1.103 euros. O prezo das vacas de segunda situouse nos 713 euros, logo dunha suba de 13 euros. Nos animais de desvelle, o prezo medio resultou de 457 euros, tras un incremento de 14 euros con respecto da semana pasada. Este martes adxudicouse un único animal co distintivo Vaca e Boi de Galicia, cun prezo de 912 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-11_08_2020-

Sen cambios no porcino

En canto ás mesas de cotización do porcino, os prezos mantivéronse sen cambios no caso do porco cebado e os leitóns volveron quedar novamente esta semana sen cotización, co que encadean xa 5 semanas consecutivas sen cotización.

Os prezos nas categorías selecta e normal continuan a 1,325 e 1,30 euros respectivamente, mentres os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,688 euros por quilo. Os porcos de desvelle sitúanse entre os 0,45 e os 0,51 euros por quilo.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios esta semana. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,61 euros a ducia, os da L páganse a 1,20 euros, os ovos da categoría M están a 1,07 euros e os da S a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle teñen un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa asentado, unha semana máis, nun prezo de 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino-11_08_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información