Baixadas nos becerros de recría en Silleda e subas no vacún maior

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixada xeral dos prezos nos becerros de recría frisoa e de cruzamentos industriais. Sobe o vacún maior e continúan á alza o porco cebado, os leitóns e os ovos

Baixadas nos becerros de recría en Silleda e subas no vacún maior

Gando nas instalacións do mercado de Silleda. // Foto de arquivo.

Tralas subas da semana pasada nos becerros de recría, a Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos deste gando. Tanto os becerros de raza frisoa como os de cruzamentos industriais acusaron unha redución das cotizacións en case tódalas categorías. Nos becerros carniceiros houbo unha tendencia máis á alza, con subas sobre todo nos animais de Rubia Galega. O vacún maior tamén experimentou nesta xornada incrementos en boa parte das categorías.

Mentres, as mesas de cotización do porcino continúan unha semana máis con novas subas no porco cebado e nos leitóns. Tamén no mercado do ovo houbo este martes incrementos nalgunhas das seccións.

En concreto, na recría frisoa produciuse unha baixada xeral dos prezos que afectou a tódalas categorías. Os animais de menos de 20 día, cotizáronse a 84 euros, logo dunha rebaixa de 11 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia, a baixada foi de 15 euros, ata quedar en 102 euros. Nas femias desta categoría adxudicouse un único animal, que marcou un prezo medio de tan só 12 euros. Nos becerros de máis de 50 días o prezo foi de 133 euros, 8 euros por debaixo do acadado hai unha semana.

Na recría de cruzamentos industriais a tendencia resultou tamén á baixa. Nos exemplares de menos de 20 días, houbo unha baixada de 32 euros para os machos, que se cotizan agora a 199 euros. A femias reduciron o seu valor en 43 euros e quedan cun prezo medio de 120 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días marcaron a excepción cunha suba de 29 euros e acadan os 298 euros. Porén, as femias desta sección tamén cotizaron á baixa, cun desconto de 4 euros teñen un prezo de 182 euros. Nos becerros de máis de 50 días, a baixada foi de 29 euros nos machos e de 51 euros para as femias, de xeito que se cotizan a 433 e 279 euros respectivamente.

Nos becerros carniceiros de cruzamentos industriais houbo unha baixada de 26 euros no prezo dos machos, que se cotizan a 763 euros. Pola súa banda as femias conseguiron unha suba de 14 euros e marcan un valor de 721 euros. Nos becerros de Rubia Galega, os machos experimentaron unha suba de 32 euros e acadan os 870 euros e as femias suman 121 euros e teñen un prezo medio de 859 euros. Os becerros frisóns tiveron un prezo medio de 681 euros, moi afastado dos 267 euros que se pagaron a semana pasada polo único exemplar que se adxudicou e que marcou dito prezo. Os animais co selo de Ternera Galega Suprema cotízanse a 770 euros, o que supón unha baixada de 45 euros con respecto da última sesión.

O vacún maior experimentou esta semana subas en boa parte das seccións. As vacas da categoría extra cotizáronse a 1.947 euros, o que supuxo un incremento de 82 euros. Os animais de primeira tiveron unha suba de 7 euros e así lograron un prezo medio de 1.117 euros. Tamén nos exemplares de desfeito houbo unha suba, de 16 euros, e acadan os 469 euros. A única excepción produciuse nas vacas de segunda, que tiveron unha baixada de 29 euros e quedan en 699 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-30_03_2021-1

Prezos á alza no porcino

As mesas de prezos do porcino acordaron esta semana unha nova suba en boa parte das categorías. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,05 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,065 euros, e acadan así un valor medio de 1,935 euros. Os porcos de desfeito mantivéronse sen cambios e cotízanse entre os 0,82 e os 0,88 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros. Así, os animais procedentes dunha única gandería acadan os 85 euros, cun prezo de 4,25 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 4 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 80 euros.

No mercado do ovo houbo subas de 0,01 euros nos ovos da L e M de xeito que a ducia cotízase a 1,28 euros e 1,15 euros respectivamente. O resto de seccións mantivéronse sen cambios, polo que os ovos da XL están a 1,66 euros a ducia e os da S a 0,91 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, continúan cun prezo de entre os 0,12 e os 0,19 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino -30_03_2021-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información