Baixadas nos becerros carniceiros e subas no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes baixadas nos prezos dos becerros carniceiros. Na recría houbo reducións nos cruces industriais. O vacún maior experimentou subas en tódalas categorías. O porco cebado mantense estable e soben os leitóns

Baixadas nos becerros carniceiros e subas no vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes baixadas na recría de cruces industriais. Tamén houbo reducións na cotización dos becerros carniceiros. No vacún maior a tendencia foi á alza en tódalas categorías. A mesa de prezos de porcino acordou manter os prezos do porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron novas subas.

En canto ós prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, os animais de menos de 20 días incrementaron o seu prezo en 2 euros e sitúanse nos 61 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días houbo unha suba de 3 euros, polo que se cotizan a 77 euros. Os animais de máis de 50 días reduciron o seu valor, neste caso en 7 euros, para quedar en 91 euros.

Na recría de cruces industriais, nos machos a tendencia foi á baixa, mentres que as femias experimentaron subas en boa parte das seccións. Así, os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 198 euros, tras unha baixada de 18 euros. Mentres, as femias sumaron 29 euros e situáronse en 158 euros. A excepción produciuse nos animais de entre 20 e 50 días cunha suba de 15 euros, polo que acadan un prezo medio de 273 euros. As becerras desta categoría mantivéronse sen cambios con respecto da semana pasada, a un prezo medio de 198 euros. Os becerros de máis de 50 días acusaron unha baixada de 9 euros, polo que quedan nun prezo de 324 euros. As femias suman 18 euros ata un valor medio de 285 euros.

Nos becerros carniceros produciuse a mesma tendencia, con baixadas nos prezos dos machos e subas nas femias. Os becerros de cruces industriais cotizáronse a 753 euros, logo dunha baixada de 82 euros. Pola contra, as xatas sumaron 90 euros e acadan un prezo medio de 760 euros. Os tenreiros de Rubia Galega están a 802 euros, logo de descontar 44 euros. Nas femias, o prezo é de 759 euros, tras unha suba de 45 euros. O gando co selo Ternera Gallega Suprema cotizouse a 809 euros, o que supón unha baixada de 17 euros con respecto da feira da semana pasada.

No vacún maior houbo subas en tódalas seccións. As vacas da categoría extra pasaron a cotizarse a 1.987 euros, logo dun incremento de 265 euros. Nos animais de primeira o prezo subiu 9 euros ata situarse en 1.106 euros. Mentres, as vacas de segunda sumaron 4 euros, polo que quedan en 711 euros. Os exemplares de desfeito tamén incrementaron o seu valor ata os 469 euros, logo dunha suba de 28 euros. Nesta xornada non se adxudicado ningún animal co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-19_01_2021-Vacuno-

Subas nos leitóns

No porcino, o porco cebado repite cotizacións en boa parte das categorías esta semana e rexistráronse novas subas para os leitóns.

En concreto, os porcos selectos cotízanse a 1,125 euros o quilo, mentres que o normal está a 1,1 euros o quilo. Nos exemplares de Canal II o prezo sitúase en 1,429 euros. A única excepción produciuse nos porcos de desfeito, que incrementaron o seu valor en 0,01 euros e cotízanse agora entre os 0,45 e os 0,51 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 55 euros, cun prezo de 2,75 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,5 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 50 euros.

Tampouco houbo cambios no mercado do ovo esta semana. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello mantense esta semana tamén sen cambios e cotízase a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-agropecuaria-de-Galicia-19_01_2021-Porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información