Baixadas no porco cebado en Silleda

A actividade da Central Agropecuaria de Galicia redúcese ó mínimo por mor da Semana Verde. Só se celebran as mesas de prezos do porcino, con baixadas no porco cebado

Baixadas no porco cebado en Silleda

Exemplares nunha granxa galega de recría de porcino. // Foto de arquivo.

Este martes suspendeuse o mercado de gando da Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que ten lugar no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), debido á celebración da Semana Verde, que arrancará este venres día 3 e se prolongará ata o domingo 5. Por causa desta cita, que ocupa boa parte das instalacións nas que habitualmente se leva a cabo o mercado do gando, tamén se producirán restricións na venda do gando na vindeira semana. Así, o martes día 7 de setembro só haberá becerros de recría.

Na xornada de hoxe, sen presencia de gando vacún no recinto, só se reuniron os representantes das mesas de prezos do porcino para fixar as cotizacións. Esta semana o porco cebado experimenta unha baixada xeral en tódalas categorías. Así, os porcos da categoría selecta e normal rexistraron unha baixada de 0,02 euros, que deixa un prezo de 1,255 e 1,230 euros o quilo respectivamente. Nos exemplares de Canal II a baixada foi de 0,026 euros por quilo e cotízanse agora a 1,597 euros. A baixada máis destacada produciuse nos exemplares de desvelle, ó descontar 0,04 euros e establecerse agora entre os 0,44 e os 0,5 euros.

Os leitóns mantivéronse sen cambios esta semana. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 34 euros (cun prezo de 1,7 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 29 euros e cun prezo por quilo de 1,45 euros.

No mercado do ovo tampouco houbo modificacións este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

Por primeira vez no que levamos de ano, o prezo do coello experimentou unha suba na Lonxa de Madrid. O incremento foi de 0,10 euros e pasa a cotizarse a 1,90 euros o quilo.

Central Agropecuaria de Porcino 31_08_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información