Baixadas na recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas dos prezos da recría e nos becerros carniceiros. Tamén houbo descontos no vacún maior. Primeira baixada no porco cebado dende xuño

Baixadas na recría en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca experimentou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría tanto de raza Frisoa coma de cruces industriais. Tamén no vacún maior se rexistrou unha caída dos prezos en case tódalas categorías. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa nos machos, mentres que as femias experimentaron subas.

As mesas de cotización do porcino acordaron esta semana reducións para o porco cebado, despois de que o prezo se mantivese estable dende o mes de xuño. Pola súa banda, no mercado do ovo houbo subas nalgunhas seccións e tamén incrementou o seu valor o coello na lonxa de Madrid.

En concreto, na recría de raza Frisoa houbo baixadas en case tódalas seccións. Nos animais de menos de 20 días o prezo medio foi de 79 euros, logo de descontar 6 euros con respecto da semana anterior. As femias desta sección pasaron dos 31 euros ós 23 euros. Os tenreiros de entre 20 e 50 días mantivéronse nos 99 euros, mentres que as femias caeron ata un valor medio de 27 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o prezo medio quedou nos 111 euros logo de descontar 10 euros.

Nos cruces industriais, a baixada máis destacada produciuse nos becerros de menos de 20 días que descontaron 17 euros e pasan a 209 euros. Nas femias, a baixada foi de 3 euros e quedan en 159 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días a redución de 4 euros deixa o prezo nos 259 euros. Mentres, as femias sumaron 2 euros e acadan os 170 euros. Os animais máis vellos cotizaron á alza. Nos becerros de máis de 50 días a suba de 46 euros permite un prezo medio de 376 euros . No caso das femias, tras sumar 62 euros acadan os 267 euros.

No caso dos becerros carniceiros, esta semana os frisóns acadaron un valor medio de 309 euros, lonxe dos 467 euros que acadaran hai 15 días e logo de que a semana pasada non se adxudicara ningún exemplar. Nos becerros de cruces industriais, os machos quedan en 768 euros, tras descontar 42 euros e as femias acadan os 710 euros, logo dunha suba de 13 euros. Nos becerros de Rubia Galega o desconto foi de 87 euros, polo que quedan en 832 euros e as femias tamén conseguiron un incremento de 40 euros, de modo que se sitúan en 786 euros. Os exemplares co selo Ternera Gallega cotizáronse a un prezo medio de 858 euros, 49 euros máis do que conseguiran na feira anterior.

A tendencia foi tamén á baixa no vacún maior, aínda que con algunhas excepcións. As vacas de primeira categoría foron as únicas que incrementaron o seu valor, cunha suba de 34 euros pasan a cotizarse a 1.082 euros. Porén, o resto de seccións acusaron baixadas. Así, as vacas de segunda descontaron 17 euros e quedan cun prezo medio de 702 euros e as de desvelle sitúanse en 427 euros, tras unha baixada de 23 euros. Mesmo a categoría das mellores vacas, as da sección extra, descontaron esta semana 326 euros e quedan nun valor medio de 1.986 euros. Nesta feira non se adxudicou ningún animal coa categoría Vaca e Boi de Galicia.

Central-Agropecuaria-Vacuno--03_11_2020

Baixadas no porco cebado

Logo de 4 meses sen cambios no prezo do porco cebado, a mesa de negociacións do porcino acordou este martes baixadas das cotizacións en boa parte das categorías. Para os animais selecto e normal a redución foi de 0,030 euros, de tal modo que quedan cun valor de 1,295 e 1,27 euros respectivamente. Nos porcos de Canal II descontáronse 0,039 euros e pasan a cotizarse a 1,649 euros. Pola súa banda, os animais de desvelle mantéñense sen cambios e atópanse entre os 0,47 e 0,53 euros.

Os leitóns mantéñense polo momento sen variacións e os animais procedentes dunha única gandería continúan asentados nos 35 euros, situándose a 1,75 euros por quilo. Nos exemplares chegados de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,5 euros e por animal acada os 30 euros.

No mercado do ovo esta semana houbo unha suba de 0,01 euros nas seccións de menor tamaño. Deste xeito, os ovos da sección M e S cotízanse agora a 0,94 e 0,78 euros a ducia. Mentres, as categorías XL e L mantéñense nos valores da feira pasada, a 1,50 e 1,10 euros respectivamente. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, tamén rexistraron unha suba de 0,01 euros e agora atópanse entre os 0,07 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello experimentou esta semana unha suba de 0,10 euros e pasa a cotizarse a 2,25 euros o quilo.

Central-agropecuaria-Porcino--03_11_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información