Baixadas na recría e subas no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra reducións dos prezos dos becerros de recría. Tamén houbo baixadas nos tenreiros carniceiros, mentres o vacún maior experimentou subas. Baixa o porco cebado e mantéñense estables os leitóns

Baixadas na recría e subas no vacún maior en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia–Abanca, en Silleda (Pontevedra) experimentou hoxe baixadas dos prezos tanto na recría coma nos becerros carniceiros. No vacún maior esta semana rexistráronse subas en boa parte das seccións. Pola súa banda, a mesa de negociación do porcino acordou novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns mantivéronse sen cambios. O ovo continuou esta semana sen variacións.

No caso da recría, os becerros frisóns acusaron descontos en boa parte das seccións. Os animais de menos de 20 días experimentaron unha baixada de 18 euros e quedan nun valor medio de 59 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis representativa e numerosa, a redución foi de 17 euros, e cotizáronse a 84 euros. Os becerros de máis de 50 días foron a excepción, manténdose sen cambios e cotizándose a un prezo medio de 120 euros.

Nos cruces industriais, os animais de menos de 20 día situáronse a 198 euros, 26 euros por debaixo do que se facía a semana pasada. Os becerros de entre 20 e 50 días foron a excepción desta categoría, cunha suba de 19 euros, polo que acadan os 272 euros. Tamén as femias desta sección incrementaron o seu valor ata 205 euros, logo dunha suba de 24 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, houbo unha baixada de 91 euros para os machos, de tal xeito que quedan en 358 euros, mentres que nas femias descontáronse 38 euros, e pasan a cotizarse a 212 euros.

A tendencia foi tamén á baixa nos becerros carniceiros. A única excepción veu nos cruces industriais, que sumaron 24 euros e quedan en 788 euros. Mentres, as femias desta raza descontaron 34 euros e sitúanse en 730 euros. Os becerros de Rubia Galega experimentaron unha baixada de 98 euros, e acadan un valor de 847 euros. As femias desta sección quedan cun prezo de 765 euros, logo dunha redución de 103 euros. O único becerro frisón que se adxudicou fíxoo a un prezo de 324 euros, 133 menos que o prezo acadado na feira pasada.

No vacún maior varias seccións experimentaron subas. Así as vacas de primeira suman 15 euros e sitúanse nun valor medio de 1.070 euros. Os animais de segunda experimentaron unha suba de 29 euros e quedan cun prezo medio de 716 euros. No caso das vacas de desvelle, produciuse un desconto de 8 euros, polo que se cotizan a 430 euros.

Central-Agropecuaria-galicia-24_11_2020-vacun-

Baixada no porco cebado

A mesa de negociacións do porco cebado acordou este martes unha nova baixada dos prezos do porco cebado, que afectan a boa parte das categorías. Mentres, os leitóns mantéñense sen cambios.

No porco cebado selecto e normal a redución foi de 0,040 euros, de tal xeito que quedan cun valor de 1,185 e 1,16 euros respectivamente. Nos porcos de Canal II descontáronse 0,052 euros e pasan a cotizarse a 1,506 euros. Pola súa banda, o prezo para os animais de desvelle baixou 0,03 euros e agora cotízanse entre os 0,44 e 0,5 euros.

Os leitóns repiten cotización, polo que os animais procedentes dunha única gandería sitúanse a un prezo de 41 euros e a 2,05 euros o quilo. Nos exemplares procedentes de varias granxas, o prezo por quilo é de 1,8 euros e por animal acada os 36 euros.

No mercado do ovo esta semana mantivéronse os prezos sen cambios. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello mantense a 2,25 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-24_11_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información