Baixadas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes baixadas nos prezos dos becerros de recría e nos carniceiros. Tamén houbo reducións nalgunhas seccións de vacún maior. O porco cebado mantense estable e soben os leitóns

Baixadas na recría e nos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos dos becerros de recría, tanto nos frisóns coma nos cruzamentos industriais. Tamén acusaron reducións os tenreiros carniceiros e algunhas categorías de vacún maior. A mesa de prezos de porcino acordou manter os prezos do porco cebado, mentres que os leitóns experimentaron novas subas.

En canto ós prezos dos becerros de recría de raza Frisoa, os animais de menos de 20 días marcaron a excepción na sección, cunha suba de 8 euros ata os 59 euros de media. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, produciuse unha baixada de 4 euros e sitúanse en 74 euros. Tamén os animais de máis de 50 días reduciron o seu valor, neste caso en 17 euros, para quedar en 98 euros.

Na recría de cruces industriais, nos machos a tendencia foi á baixa mentres que as femias experimentaron subas en tódalas seccións. Así, os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 216 euros, tras unha baixada de 20 euros. Mentres, as femias sumaron 4 euros e situáronse en 129 euros. Os becerros de entre 20 e 50 reduciron o seu valor en 16 euros, ata quedar en 258 euros. Nas becerras desta categoría o incremento foi de 14 euros e acadan os 198 euros. Os becerros de máis de 50 días foron a excepción nos machos, cunha suba de 24 euros, polo que quedan nun prezo de 333 euros. As femias suman 16 euros ata un valor medio de 267 euros.

Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, coa única excepción dos becerros de cruces industriais, que cunha suba de 60 euros acadan un prezo medio de 835 euros. Nas femias desta sección produciuse unha redución de 76 euros, polo que caen ata os 670 euros. Os tenreiros de Rubia Galega están a 846 euros, logo de descontar 58 euros. Nas femias, o prezo é de 714 euros, tras unha baixada de 20 euros. O único exemplar frisón adxudicouse por 326 euros. O gando co selo Ternera Gallega Suprema cotizouse a 826 euros, o que supón unha baixada de 26 euros con respecto da feira da semana pasada.

No vacún maior houbo subas nas vacas das mellores categorías. As vacas da sección extra pasaron a cotizarse a 1.722 euros, logo dun incremento de 2 euros. Nos animais de primeira o prezo subiu 16 euros ata situarse en 1.097 euros. Mentres, as vacas de segunda volveron baixar e descontaron 4 euros, polo que quedan en 707 euros. Os exemplares de desfeito tamén reduciron o seu valor ata os 441 euros, logo dunha redución de 13 euros. O único animal adxudicado co selo Vaca e Boi de Galicia, de Ternera Gallega, fixou un valor de 625 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-vacuno-12-01-2021

Subas nos leitóns

No porcino, o porco cebado repite cotizacións esta semana e rexistráronse novas subas para os leitóns.

En concreto, os porcos selectos cotízanse a 1,125 euros o quilo, mentres que o normal está a 1,1 euros o quilo. Nos exemplares de Canal II o prezo sitúase en 1,429 euros e os de desvelle están entre os 0,44 e os 0,5 euros euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 53 euros, cun prezo de 2,65 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,4 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 48 euros.

Tampouco houbo cambios no mercado do ovo esta semana. Os ovos da clase XL cotízanse a 1,50 euros a ducia, os da L están a 1,10 euros, os da M sitúanse en 0,96 euros e os da clase S quedan nos 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello mantense esta semana tamén sen cambios e cotízase a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

 

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-12_01_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información