Baixadas na recría de cruces industriais e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha baixada dos becerros de recría de cruces industriais e no vacún maior. Soben os leitóns e os ovos

Baixadas na recría de cruces industriais e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada nos prezos dos becerros de recría de razas industriais, mentres nos frisóns apenas houbo variacións con respecto á semana pasada. Houbo baixadas tamén no vacún maior e nas mesas de prezos producíronse subas nos leitóns e nos ovos.

En concreto, no referido ós becerros de recría de raza Frisoa os prezos mantivéronse moi parellos ós da feira anterior, con tan só uns céntimos de diferenza. Así foi que os tenreiros de menos de 20 días cotizáronse a 69 euros, 060 euros máis que hai unha semana. O mesmo aconteceu nos animais de entre 20 e 50 días que se situaron nun prezo medio de 90 euros, só 0,90 euros por debaixo. A única categoría onde a diferenza foi máis destacada foi nos de máis de 50 días que pasaron a cotizarse a 128 euros logo dunha suba de 11 euros.

No caso da recría de cruces industriais houbo baixadas en case tódalas categorías. Os becerros de menos de 20 días situáronse nos 241 euros de media, logo dunha redución de 20 euros. As femias desta mesma sección foron as únicas que acadaron unha suba dos prezos, de 9 euros, que elevou o prezo ata os 194 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días experimentaron unha baixada de 32 euros ata os 315 euros, mentres nas femias o prezo reduciuse en 18 euros para cotizarse a 109 euros. As baixadas máis destacadas foron nos animais de máis de 50 días que pasaron a pagarse a 411 euros, tras unha caída do prezo de 73 euros. Nas femias a baixada foi de 45 euros e situáronse nos 313 euros.

Nos becerros carniceiros de cruces industriais o prezo medio foi de 767 euros para os machos, 4 máis do conseguido hai unha semana; e 648 euros para as femias, 3 máis que o martes pasado. Nos machos frisóns o prezo medio foi de 543 euros, 27 menos que o acadado na pasada feira.

O gando de vacún maior experimentou unha caída xeral das cotizacións. As vacas de primeira tiveron un prezo medio de 1.069 euros, 24 euros menos que a feira pasada. As vacas de segunda -a categoría máis numerosa- tamén acusaron unha caída do prezo de 23 euros ata os 713 euros. Mentres, os animais de desvelle marcaron a excepción e cotizáronse a 464 euros, logo dunha suba de 24 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacun-11.02.2020

Suba nos leitóns e nos ovos

En canto ó porcino, nas mesas de cotizacións acordouse manter os prezos en boa parte das categorías do porco cebado. A única excepción marcárona os porcos de desvelle que incrementaron o seu valor en 0,020 euros ata situarse nun intervalo de 0,80 e 0,86 euros o quilo vivo. Mentres, o porco cebado selecto e o normal mantéñense en 1,445 e 1,420 euros o quilo respectivamente. Pola súa banda, a categoría de Canle II cotízase a 1,844 euros o quilo.

Onde tamén houbo novas subas foi nos leitóns que incrementaron o seu valor en 2 euros. Agora o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa sitúase nos 76 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 71 euros. O prezo por quilo é de 3,8 e 3,55 euros respectivamente.

Os ovos tamén incrementaron o seu valor esta semana entre 0,030 e 0,020 euros. As categorías de maior tamaño, XL e L, foron as que experimentaron as subas de 0,030 euros pasando a cotizarse a 1,42 e 1,26 euros a ducia, respectivamente. Mentres, os ovos da clase M e S incrementaron o seu valor en 0,020 euros ata 1,14 e 0,92 euros.

O prezo das galiñas de desvelle tamén se incrementou, neste caso en 0,01 euros, situándose entre os 0,07 e os 0,15 euros por quilo.

Na Lonxa de Madrid esta semana o prezo do coello mantense sen variacións e cotízase a 1,70 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-11-02-2020-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información