Baixadas na recría de cruces e no vacún maior en Silleda

Cotizan á baixa o gando maior e os becerros de recría de cruces industriais na Central Agropecuaria de Galicia. Subas na recría frisoa e nalgunhas categorías dos becerros carniceiros. Continúan a alza os porcos cebados e mantense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo

Baixadas na recría de cruces e no vacún maior en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia, celebrada en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca recuperou este martes a actividade por completo logo de verse afectadas as últimas tres sesións por causa da celebración da Semana Verde, na primeira semana de xuño. Nesta xornada detectouse unha baixada xeral dos prezos da recría de cruces e houbo subas na recría frisoa. Tamén cotizou á baixa o vacún maior. En canto ás mesas de prezos de porcino, esta semana o porco cebado experimentou subas en boa parte das categorías. Mentres, os leitóns mantivéronse sen cambios. Tampouco houbo novidades nos prezos do ovo.

En canto ó gando vacún, facemos un repaso polos prezos medios das diferentes seccións e categorías para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da última feira na que se contabilizaron vendas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 156 euros, o que amosa unha suba de 17 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio experimentou un incremento de 7 euros, ata acadar os 182 euros. Os becerros de máis de 50 días tiveron un incremento de 9 euros e cotízanse a 196 euros.

Mentres, nos cruzamentos industriais os machos máis novos, os de menos de 20 días tiveron unha baixada de 2 euros e o prezo medio sitúase nos 262 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días houbo unha redución de 8 euros e quedan nos 314 euros. Os animais de máis de 50 días tiveron unha baixada de 21 euros e cotízanse a 418 euros.

Nos becerros carniceiros, os animais de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 919 euros, o que amosa un incremento de 21 euros. Nas femias a suba foi de 84 euros e acadan os 879 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega o prezo medio situouse nos 1.046 euros, cunha baixada de 190 euros. Nas femias a redución foi de 13 euros e sitúanse nunha cotización media de 1.021 euros. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio quedou nos 1.094 euros, logo dunha suba de 76 euros.

A tendencia foi á baixa no vacún maior, con baixadas en tódalas seccións. As vacas da categoría extra están nos 1.979 euros de media, ó experimentar unha redución de 156 euros. Nos animais de primeira a baixada foi de 8 euros e sitúanse nos 1.157 euros. As vacas de segunda teñen un valor medio de 777 euros, só 2 euros por debaixo do acadado a finais de maio, na última feira na que se vendeu gando maior. Os animais de desfeito descontaron 46 euros e quedan nos 433 euros. Os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia o prezo medio queda nos 1.754 euros, o que supón unha baixada de 211 euros.

Central Vacuno 14_06_2022

Subas nos prezos do porco cebado

Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos do porco cebado, mentres os leitóns se manteñen sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,605 e 1,580 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,02 euros. Os porcos de Canal II están a 2,052 euros ó experimentar unha suba de 0,026 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que rexistraron unha baixada dos prezos. Ó descontar 0,05 euros, o valor dos porcos de desvelle sitúase entre os 0,6 e os 0,66 euros o quilo.

Os leitóns mantivéronse sen cambios. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 49 euros (cun prezo de 2,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 44 euros e teñen un prezo por quilo de 2,2 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL atópanse nos 2,20 euros a ducia, os ovos da clase L cotízanse a 1,94 euros, os da M a 1,67 euros e os da S están a 1,47 euros. As galiñas de descarte semipesadas, que se atopan entre os 2,1 e os 2,2 quilos, están a cotizarse entre os 0,30 e os 0,37 euros por quilo.

Na Mesa Nacional de Prezos para o Coello (Loncun) o prezo medio da primeira semana de xuño continúa nos 2,15 euros.

Central porcino 14_06_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información