A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría, tanto nas distintas categorías dos becerros frisóns como nos de cruce. Porén o vacún maior experimentou subas en boa parte das seccións. A mesma tendencia á alza se apreciou nos prezos medios dos becerros carniceiros.
As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas, tanto nos porcos cebados coma nos leitóns. O mercado do ovo está tamén a ter subas en tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 146 euros, o que amosa unha baixada de 13 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio experimentou unha redución de 10 euros, ata quedar nos 174 euros. Os becerros de máis de 50 días tiveron unha baixada de 20 euros e cotízanse a 182 euros.
A tendencia foi semellante na recría de cruzamentos industriais. Os machos máis novos, os de menos de 20 días, descontaron 49 euros e o prezo medio sitúase agora nos 241 euros. As femias desta categoría reduciron o seu valor medio en 13 euros e quedan nos 215 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días houbo unha baixada de 12 euros e quedan nos 314 euros. Nas femias de dita sección apréciase unha redución de 2 euros e o valor medio é de 233 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron unha variación mínima dun euro, e están a 449 euros. As femias desta categoría foron as únicas que experimentaron unha suba, de 85 euros, e o prezo medio é agora de 429 euros.
Nos becerros carniceiros, os animais frisóns tiveron un prezo medio de 682 euros, o que amosa unha suba de 61 euros con respecto da semana anterior. Os tenreiros de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 986 euros, cunha suba de 75 euros. Nas femias o incremento foi de 99 euros e agora o valor medio é de 807 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.153 euros, logo dunha suba de 94 euros. Nas femias o aumento foi de 170 euros e o valor medio é de 943 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo medio quedou nos 992 euros, logo dunha suba de 62 euros.
A tendencia tamén foi á alza no vacún maior, aínda que con algunhas excepcións. Nun repaso por categorías, as vacas da extra foron das únicas nas que se aprecia unha leve baixada dos prezos, de 2 euros, de xeito que o valor medio é de 1.986 euros. Nos animais de primeira houbo unha suba de 55 euros e sitúanse nos 1.192 euros. As vacas de segunda teñen un valor medio de 773 euros, ó sumar 9 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron un aumento de 9 euros e acadan os 479 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio ascende ós 2.873 euros, o que supón unha suba de 1.133 euros.
Subas nos prezos do porcino
Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos, tanto do porco cebado coma dos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,655 e 1,630 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,03 euros. Os porcos de Canal II están a 2,117 euros ó experimentar unha suba de 0,039 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios. Cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.
Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 50 euros (cun prezo de 2,5 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 45 euros e cun un prezo por quilo de 2,25 euros.
O mercado do ovo rexistrou subas en tódalas seccións esta semana. Os ovos da XL e da L tiveron un incremento de 0,05 euros e cotízanse a 2,3 e 2,04 euros a ducia respectivamente. Mentres, a ducia de ovos da M tivo un aumento de 0,03 euros e están a 1,72 euros. Os ovos da S experimentaron un incremento de 0,02 euros e a ducia queda a 1,51 euros. As galiñas de descarte semipesadas están a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.