A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha nova baixada xeral dos prezos da recría. No caso dos becerros frisóns houbo seccións nas que se produciron subas mínimas. Nos tenreiros carniceiros a tendencia foi á alza e acadouse o maior prezo medio desta categoría. No vacún maior, non houbo unha tendencia clara, con baixadas e subas con respecto da semana anterior nos prezos medios en función da categoría.
As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas, tanto nos porcos cebados coma nos leitóns. O mercado do ovo está tamén a ter subas en tódalas categorías.
Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Gando vacún
Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 144 euros, o que amosa unha redución de 7 euros con respecto da semana pasada. Porén, no caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio experimentou un leve incremento dun 1 euro, e sitúase nos 173 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase un incremento de 3 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 224 euros.
Nos tenreiros de cruzamentos industriais a maior parte das seccións experimentaron baixadas das cotizacións con respecto dos valores da semana anterior. Os machos máis novos, os de menos de 20 días descontaron 14 euros e o prezo medio sitúase agora nos 269 euros. As femias desta categoría reduciron o seu valor en 7 euros e cotízanse a 208 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando, houbo unha baixada de 26 euros e quedan nos 282 euros. As femias de dita sección descontaron 8 euros e o valor medio é de 225 euros. Os machos de máis de 50 días foron a excepción cunha suba de 24 euros, polo que se sitúan nos 441 euros. As femias desta categoría rexistraron unha baixada, de 35 euros, e o prezo medio é agora de 367 euros.
Nos tenreiros carniceiros acadouse un prezo medio de récord, os 1.020 euros. A maior cifra acadada nesta categoría ata o momento foran os 918 euros rexistrados o 25 de xuño de 2019. Como sinalan dende a Central Agropecuaria esta marca está motivada pola alta demanda destes animais ante o interese do sector da restauración por abastecerse debido á tempada estival e ós vindeiros festivos.
En canto ós prezos dos becerros carniceiros, os animais frisóns tiveron un prezo medio de 778 euros, o que amosa unha suba de 42 euros con respecto da semana anterior. Os tenreiros de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 1.058 euros, cunha suba de 58 euros. Nas femias o incremento foi de 41 euros e agora o valor medio é de 920 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.074 euros, logo dunha suba de 65 euros. Nas femias produciuse un incremento de 77 euros e o valor medio é de 1.106 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio acadou os 1.106 euros, logo dunha suba de 188 euros.
No vacún maior non houbo unha tendencia clara e apreciáronse baixadas ou subas dos prezos medios en función da categoría. As vacas da extra tiveron unha baixada de 165 euros e o valor medio quedou nos 2.021 euros. Os animais de primeira tiveron unha suba de 5 euros e sitúanse nos 1.157 euros. As vacas de segunda teñen un valor medio de 781 euros, logo dun incremento de 11 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron un aumento do valor medio. Neste caso foi de 111 euros e acadan os 534 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio queda nos 1.715 euros, logo dunha redución de 10 euros.
Subas nos prezos do porcino
Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos, tanto do porco cebado coma dos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,705 e 1,680 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,02 euros. Os porcos de Canal II están a 2,182 euros ó experimentar unha suba de 0,026 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios. Cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.
Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 52 euros (cun prezo de 2,6 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 47 euros e cun prezo por quilo de 2,35 euros.
O mercado do ovo rexistrou subas en case tódalas seccións esta semana. Os ovos da XL tiveron un incremento de 0,05 euros e cotízanse a 2,4 euros a ducia. Mentres, os da L conseguiron unha suba de 0,03 euros e acadan os 2,12 euros a ducia. No caso dos ovos da M o aumento foi de 0,01 euros e atópanse a 1,76 euros. Os ovos da S mantéñense sen cambios e a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas están a cotizarse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.