Baixadas dos prezos medios dos becerros de recría de cruces en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia recupera de xeito parcial a actividade, coas poxas da recría, logo do parón debido á celebración da Semana Verde. A tendencia é á baixa en boa parte das categorías. Subas nos porcos cebado e mantéñense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo

Baixadas dos prezos medios dos becerros de recría de cruces en Silleda

Nave de recría da Central Agropecuaria. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca recuperou este martes parcialmente a actividade logo de ter que suspenderse a última poxa do mes de maio por mor da celebración da Semana Verde, unha cita que arrancou o pasado xoves e se mantivo ata o domingo. Na xornada de hoxe só se celebraron as poxas da recría. As poxas de becerros carniceiros e vacún maior retomaranse a vindeira semana.

Nesta xornada detectouse unha baixada xeral dos prezos da recría, con algunhas excepcións en certas categorías de gando frisón. En canto ás mesas de prezos de porcino, esta semana o porco cebado experimentou subas en boa parte das categorías. Mentres, os leitóns mantivéronse sen cambios. Tampouco houbo novidades nos prezos do ovo.

En canto á recría de vacún, facemos un repaso polos prezos medios das diferentes seccións e categorías para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da semana pasada rexistradas nas distintas categorías para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 139 euros, só 1 euro menos que o rexistrado a semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio experimentou unha suba de 14 euros ata acadar os 175 euros. Nos becerros de máis de 50 días tamén tiveron un lixeiro incremento dun euro, e cotízanse a 187 euros.

Mentres, nos cruzamentos industriais, os machos máis novos, os de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 8 euros e o prezo medio sitúase nos 264 euros. Nas femias a baixada foi de 29 euros e o prezo medio esta semana está nos 189 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días houbo unha redución de 33 euros e quedan nos 322 euros. As femias desta sección descontaron 34 euros e sitúanse nos 215 euros. Os animais de máis de 50 días tiveron unha baixada de 106 euros e cotízanse a 439 euros. Nas femias, houbo unha baixada de 49 euros e teñen un prezo medio de 314 euros.

Central Agropecuaria Vacun 07_06_2022

Subas nos prezos do porco cebado

Este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou unha suba xeral dos prezos do porco cebado, mentres os leitóns se manteñen sen cambios. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,585 e 1,560 euros o quilo, respectivamente, logo dun incremento de 0,02 euros. Os porcos de Canal II están a 2,026 euros ó experimentar unha suba de 0,026 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que rexistraron unha baixada dos prezos. Ó descontar 0,02 euros o valor dos porcos de desvelle sitúase entre os 0,65 e os 0,71 euros o quilo.

Os leitóns mantivéronse sen cambios. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 49 euros (cun prezo de 2,45 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 44 euros e teñen un prezo por quilo de 2,2 euros.

O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL atópanse nos 2,20 euros a ducia, os ovos da clase L cotízanse a 1,94 euros, os da M a 1,67 euros e os da S están a 1,47 euros. As galiñas de descarte semipesadas, que se atopan entre os 2,1 e os 2,2 quilos, están a cotizarse entre os 0,30 e os 0,37 euros por quilo.

Na Mesa Nacional de Prezos para o Coello (Loncun) o prezo medio da última semana de maio sitúase nos de 2,15 euros.

Central porcin 07_06_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información