Baixadas dos prezos medios da recría e os becerros carniceiros en Silleda

Cotizan á baixa os animais de recría e os tenreiros carniceiros na Central Agropecuaria de Galicia. Reducións nos prezos medios do vacún maior. Sen cambios nos prezos do porcino e no mercado do ovo

Baixadas dos prezos medios da recría e os becerros carniceiros en Silleda

Becerros nas instalacións da Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos medios da recría e dos becerros carniceiros. Ademais, a Central rexistrou hoxe un novo récord histórico no volume de transaccións de cebo, con 142.385 euros, o que supera os 142.071 euros que se facturaron o 17 de decembro de 2019, e que se situaba como cifra récord.

As mesas de cotización do porcino mantéñense sen variacións esta semana tanto no porco cebado coma nos leitóns. O mercado do ovo continúa estable e cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Gando vacún

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 47 euros e o prezo medio é agora de 73 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio reduciuse en 42 euros e sitúase nos 100 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 42 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 130 euros.

Nos tenreiros de recría de cruzamentos industriais, a tendencia tamén foi á baixa, sobre todo nas femias, pero tamén se rexistraron subas nalgunhas seccións. Os becerros máis novos, os de menos 20 días cotizáronse 19 euros por debaixo da semana pasada e o prezo medio quedou nos 212 euros. Nas femias desa categoría, o prezo medio foi de 154 euros, logo dunha baixada de 37 euros. Os tenreiros de entre 20 a 50 días foron das excepcións, e tiveron unha suba de 5 euros e o prezo medio queda nos 284 euros. Pola contra, as femias descontaron 22 euros e sitúanse nun prezo medio de 181 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días produciuse unha suba do prezo medio de 3 euros e quedan nos 425 euros. As femias desa categoría descontaron 20 euros e o prezo medio foi de 329 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, tamén se apreciaron baixadas en tódalas seccións. Nos becerros frisóns o valor medio quedou nos 714 euros, o que amosa unha redución de 85 euros. Esta semana, a diferenza da pasada, houbo femias frisoas, que tiveron un prezo medio de 569 euros. Os becerros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 938 euros, tras unha baixada de 89 euros. As femias descontaron 35 euros con respecto da feira anterior e o valor medio quedou nos 862 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.129 euros, o que supón 112 euros por debaixo do prezo de referencia da semana anterior. Nas femias, o valor medio está nos 962 euros, é dicir 36 euros menos. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.016 euros, o que supón 85 euros por debaixo da media da última feira.

No vacún maior non houbo unha tendencia marcada. As vacas da extra experimentaron unha suba de 33 euros e o valor medio foi de 2.063 euros. Os animais de primeira reduciron o seu valor medio en 15 euros e sitúanse nos 1.152 euros. As vacas de segunda tiveron unha suba de 9 euros e o prezo medio é de 774 euros. Os animais de desfeito descontaron 33 euros e quedan nos 473 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 2.046 euros, logo dunha redución de 154 euros.

Lonxa vacun 09_08_2022

Sen cambios no porcino

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou manter os prezos da semana pasada para tódalas categorías, tanto do porco cebado coma nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,715 e 1,690 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,195 euros. Os animais de descarte cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Nos leitóns os exemplares chegados dunha única granxa están nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 50 euros e cun prezo por quilo de 2,5 euros.

O mercado do ovo tamén se mantén sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Lonxa porcino09_08_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información