Baixadas da recría e o vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixada xeral dos prezos, en especial nos becerros de recría e no vacún maior. Na Mesa de Prezos, nova semana de subas nos leitóns e no mercado do ovo

Baixadas da recría e o vacún maior en Silleda

Recría frisoa no recinto feiral de Silleda, en Pontevedra. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), experimentou esta semana unha baixada xeral das cotizacións, en especial nos becerros de recría e no vacún maior, aínda que tamén houbo reducións nalgunhas seccións dos tenreiros carniceiros. Estabilízase o mercado do porco cebado e prodúcense novas subas nos leitóns, así como no mercado do ovo.

En concreto, na recría as baixadas máis destacadas producíronse nos becerros de cruces industriais. Unha das máis significas foi a dos tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, que acusaron unha baixada de 53 euros e agora quedan cun prezo medio de 224 euros. As femias desta sección descontaron 44 euros, co que se cotizan a 169 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a redución foi de 11 euros e quedan en 280 euros. As femias descontaron 10 euros e están a 208 euros. Nos becerros de máis de 50 días, houbo un recorte de 16 euros para os machos e de 37 nas femias, o que deixa uns prezos medios de 379 e 242 euros, respectivamente.

Na recría frisoa, os tenreiros máis novos, os de menos de 20 días descontaron 1 euro e están a venderse a 91 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, experimentaron a única suba na recría e incrementan en algo máis de 1 euro o valor para situarse en 105 euros. Nos becerros de máis de 50 días apreciouse unha baixada de 20 euros que deixa un prezo medio de 115 euros.

Nos becerros carniceiros houbo algunhas subas, aínda que a tendencia tamén foi á baixa. Un dos casos nos que se rexistrou un incremento do prezo medio foron os becerros frisóns, onde o único exemplar adxudicado nesta sesión acadou os 825 euros, o que supuxo un incremento de 387 euros con respecto da semana pasada. Tamén os cruces industriais lograron unha mínima suba de 1 euro e pasan a cotizarse a 842 euros. Mentres, nas becerras a tendencia foi á alza, cun incremento de 63 euros, o que lle permite acadar un prezo medio de 779 euros. Tamén as xatas de Rubia Galega lograron unha suba de 68 euros, polo que se cotizan a 840 euros. Porén, os becerros desta raza descontaron 128 euros e caen ata un prezo medio de 864 euros. Os animais co selo Ternera Gallega Suprema están nos 849 euros, o que supón unha baixada de 74 euros con respecto da feira pasada.

Outra das seccións onde se rexistraron baixadas foi o gando maior. Os animais da categoría extra atópanse a un prezo medio de 1.992 euros, o que supón unha baixada de 30 euros. As vacas de primeira descontaron 26 euros e cotízanse a 1.130 euros. Nos animais de segunda o prezo medio é de 720 euros, logo dunha baixada de 9 euros. Tamén as vacas de desfeito tiveron unha redución das cotizacións, en 4 euros, e atópanse a 467 euros. A baixada máis destacada produciuse nos exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia, da IXP Ternera Gallega, que se cotizan esta semana a 1.929 euros, o que supón unha baixada de 362 euros con respecto da semana pasada. Tamén cómpre recordar que precisamente na última feira se acadaran varios récords nas cotizacións deste tipo de gando.

Central Agropecuaria de Galicia vacuno 23_11_2021

Subas nos leitóns e no ovo

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións do porco cebado sen cambios e fixaron novas subas nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal continúan a cotizarse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns experimentaron un incremento de 1 euro. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 30 euros (cun prezo de 1,5 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 25 euros e teñen un prezo por quilo de 1,25 euros.

No mercado do ovo tamén houbo subas. Tódalas categorías experimentaron un aumento do prezo de 0,02 euros, de xeito que os da XL están agora a 1,69 euros a ducia, os ovos da L teñen un prezo de 1,38 euros a ducia, os da M están 1,20 euros e os da S páganse a 0,99 euros a ducia. Nas galiñas de desvelle non se produciron cambios e continúan a cotizarse entre os 0,19 e os 0,26 euros por quilo.

O coello mantense sen cambios e atópase a un prezo de 2,25 euros o quilo na lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria de Galicia Porcino 23_11_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información