Baixada xeralizada na recría, nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia bateu, sen embargo, o seu récord de facturación, con máis de 2 millóns de euros de transaccións, debido á maior afluenza de gando. Non volverá haber feira de recría até o 6 de xaneiro, mentres que de vacas e becerros carniceiros celebrarase unha especial o luns 29 de decembro

Cunha importante afluenza de gando este martes en Silleda, a Central Agropecuaria de Galicia acadou hoxe catro récords. Tres deles correspóndense con transaccións, rexistrándose a maior facturación total dunha sesión na historia da feira, con 2.047.054€ (ata agora a máxima cifra estaba no 1.952.514€ do pasado 17 de xuño), ademais de máximos nas transaccións de becerros de recría, con 627.965€ (ata hoxe o récord estaba nos 620.323€ do pasado 1 de xullo) e nas de becerros carniceiros, con 518.504€ (o máximo ata agora era o da semana pasada, con 423.569€).

A cuarta marca acadouse na asistencia de becerros carniceiros, ao acudir 325 animais (o máximo ata agora estaba nos 306 do 17 de decembro do 2024). Por outra banda, na sesión de hoxe acadouse a segunda maior asistencia na historia da Central, con 1.772 animais (a maior sitúase nos 1.895 animais do 17 de decembro de 2024).

A vindeira semana non haberá feira en Silleda e o día 29 celebrarase unha sesión especial de vacas e becerros carniceiros para garantir o abastecemento no Nadal

A maior afluenza estivo motivada polo feito de que a vindeira semana non haxa feira. De feito, a deste martes foi a última feira de recría deste ano, mentres que de vacas e becerros carniceiros haberá unha especial o día 29 para abastecer o mercado durante as festas do Nadal. Silleda retomará a normalidade o día de Reis, o martes 6 de xaneiro, cando volverá haber mercado de gando en todas as categorías. 

Prezos
En canto a prezos, a baixada na recría foi xeralizada na sesión desta semana. Tan só se salvaron os becerros cruzados de maior idade, que gañaron 15 euros, mentres que o resto de categorías perderon entre 10 e 80 euros. Tralos máximos históricos acadados neste 2025, semella que os prezos dos becerros comezan a moderarse neste final de ano, debido a que os altos prezos da reposición están a retraer aos cebadoiros á hora de encher as súas instalacións.  

Silleda 16-12-25 recria

Baixada tamén nos becerros carniceiros, motivado por unha maior afluenza de animais ao mercado este martes. A raza frisoa perdeu 45 euros, o mesmo que o cruce industrial, mentres que a caída na rubia galega foi maior, de 80 euros nos machos e ganancias, pola contra, de 30 euros nas femias. 

Silleda 16-12-25 becerros carniceiros

O vacún maior tamén notou unha depreciación nas vacas de categoría Extra, que perderon de media 180 euros, mentres que as de categoría Primeira lograron manter as cotizacións e mesmo subiron 35 euros. A categoría Segunda caeu tamén lixeiramente. 

Silleda 16-12-25 vacun maior

No resto de especies gandeiras, as Mesas de Prezos reflicten o mal momento que está a atravesar o porcino, un sector moi castigado na segunda metade do 2025 polo freo das exportacións, primeiro polos aranceis impostos por China e agora polo medo á peste porcina africana, tralo gromo detectado en xabaríns en Cataluña.

A carne de porco estase a pagar a 1 euro o quilo

Na sesión deste martes continuou a tónica das últimas semanas, cunha nova caída de 10 céntimos en quilo nos porcos cebados e de 4 euros en animais nos leitóns. No que respecta aos ovos e aos coellos, non houbo cambios esta semana.   

Silleda 16-12-25 mesas de prezos

Descarga as cotizacións deste martes neste enlace

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información