A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, celebrada en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos de referencia do vacún, cunha caída das cotizacións nos becerros de recría e carniceiros, así coma no vacún maior, con mínimas e puntuais excepcións nalgunhas categorías.
Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado continúa á baixa e os leitóns mantéñense estables. O mercado do ovo logrou esta semana de novo subas en tódalas categorías.
No repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún coñecemos a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, caeu ata os 76 euros, o que supón unha baixada de 19 euros con respecto do valor medio de referencia da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio reduciuse 17 euros e atópase nos 101 euros. Nos animais de máis de 50 días amósase unha baixada de 46 euros e o prezo medio foi de 119 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais, a tendencia foi semellante, con algunha excepción. Os machos de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 267 euros, o que supón 2 euros máis que o valor de referencia da semana pasada. As femias desta categoría xa experimentaron unha baixada de 8 euros e teñen un valor medio de 223 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 295 euros, o que deixa unha redución de 11 euros. As femias foron outra das excepcións ó incrementar o seu valor en 9 euros e cotizarse a un prezo medio de 251 euros. Os tenreiros de máis de 50 días rexistraron a baixada máis destacada na recría, ó descontar 50 euros e situarse o prezo medio nos 397 euros. As femias descontaron 14 euros para cotizarse de media a 275 euros.
Nos tenreiros carniceiros tamén houbo baixadas en case tódalas seccións. Os becerros de cruces industriais tiveron un prezo medio de 1.037 euros, o que os deixa coma unha das excepcións ó rexistrarse unha suba de 7 euros con respecto da semana pasada. Nas femias desta sección houbo unha baixada de 131 euros, e teñen un prezo medio de 678 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega o valor medio situouse nos 1.061 euros, é dicir 76 euros por debaixo. Nas femias seguiuse a tendencia e cotizáronse a 776 euros, o que supón 179 menos. Os becerros frisóns tiveron un prezo medio de 652 euros. Nos animais comercializados baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema o prezo de referencia atópase nos 816 euros, o que supón unha redución de 260 euros con respecto da lonxa pasada.
O vacún maior tamén experimentou baixadas en case tódalas categorías. As vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 1.991 euros, é dicir, 130 euros menos que a semana pasada. Nos animais de primeira o prezo medio estivo nos 1.157 euros, o que supón 7 euros menos. As vacas de segunda tiveron unha baixada de 22 euros e sitúanse nos 781 euros. Os animais de desfeito cotizáronse de media a 436 euros, é dicir, 41 euros por debaixo. Os animais vendidos baixo o selo Vaca e Boi de Galicia marcaron un prezo medio de 1.694 euros, é dicir 353 euros máis que o logrado a semana anterior nesta sección.
Continúa á baixa o prezo do porco cebado
A mesa de cotizacións do porcino acusou esta semana novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal tiveron unha baixada de 0,01 euros e cotízanse a 1,66 e 1,635 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II experimentaron unha redución de 0,013 euros e están a 2,123 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios e sitúanse entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.
Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.
O mercado do ovo experimentou esta semana subas de 0,02 euros en tódalas categorías. Tras este incremento, os ovos da XL están a 2,77 euros a ducia, os da L a 2,56 euros, os ovos da M a 2,2 euros e os da S a 1,95 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense entre os 0,30 e os 0,37 euros.