Baixada xeral dos prezos do vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos medios da recría, os becerros carniceiros e o gando maior, con excepcións nalgunhas categorías. Caídas nos prezos do porco cebado e subas no mercado do ovo

Baixada xeral dos prezos do vacún en Silleda

Nave de vacún maior na Central Agropecuaria en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca experimentou este martes unha baixada xeral dos prezos medios do vacún con respecto das cotizacións de referencia que se marcaron a pasada semana. Na recría houbo unha redución dos valores tanto nos becerros pintos coma nos de cruces industriais. Tamén os tenreiros carniceiros cotizaron á baixa. No vacún maior só as vacas de segunda conseguiron un maior prezo que na anterior feira, experimentando o resto de categorías unha baixada das cotizacións.

Nas mesas de prezos do porcino, o porco cebado experimentou unha redución dos prezos en tódalas categorías. Mentres os leitóns mantéñense estables. O mercado do ovo logrou esta semana novas subas en boa parte das categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, experimentaron unha baixada de 18 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio sitúase nos 92 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio reduciuse 10 euros e atópase nos 112 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 22 euros e o prezo medio foi de 131 euros.

Nos tenreiros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante, con algunhas excepcións, sobre todo nos prezos das femias. Os becerros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 236 euros, o que supón 25 menos que a semana pasada. As femias desta categoría experimentaron unha suba de 7 euros e teñen un valor medio de 202 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días o prezo medio situouse nos 300 euros, o que supón unha redución de 5 euros. As femias desta sección tamén rexistraron unha suba, de 13 euros, e cotizáronse a un prezo medio de 230 euros. Os tenreiros de máis de 50 días experimentaron un incremento de 77 euros no prezo medio, a suba máis significativa da xornada, e sitúanse nos 476 euros. As femias descontaron 51 euros e cotizaron de media a 340 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi tamén á baixa. Os tenreiros frisóns cotizáronse a un prezo medio de 633 euros, o que supón unha redución de 222 euros. Os tenreiros de cruzamentos industriais, a categoría con maior afluencia, rexistrou unha baixada do prezo medio de 156 euros con respecto da semana pasada, de xeito que se sitúa nos 934 euros. As femias tamén experimentaron unha baixada, de 52 euros, e acadan un valor medio de 860 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 980 euros, o que supón unha caída do prezo de referencia de 141 euros. As femias descontaron 31 e quedan nos 946 euros. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.037 euros, o que supón 110 euros menos que a media da última feira.

A tendencia foi tamén á baixa no vacún maior, coa excepción das vacas de segunda, que experimentaron unha suba de 12 euros con respecto da semana anterior, de xeito que o prezo medio de referencia é de 757 euros. Mentres, as vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2.071 euros, é dicir, 47 euros menos. Nos animais de primeira o prezo medio estivo nos 1.119 euros, o que supón 30 euros por debaixo do acadado a semana anterior. As vacas de desfeito sitúanse nos 430 euros, só un euro menos. O prezo medio dos exemplares comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia sufriron unha baixada de 1.274 euros con respecto do valor medio que se rexistrou a semana pasada, cando ademais se lograran dous prezos récord por senllos bois.

Lonxa 25_10_2022

Baixada do prezo do porco cebado

A mesa de cotizacións do porcino acusou esta semana novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal tiveron unha baixada de 0,02 euros e cotízanse a 1,72 e 1,695 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II experimentaron unha redución de 0,026 euros e están a 2,201 euros. Os animais de descarte sitúanse entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo, tras descontar 0,020 euros.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios cun prezo de 2,72 euros a ducia. Os ovos da L tiveron unha suba de 0,02 euros e acadan os 2,49 euros a ducia. Nos ovos da M o incremento foi de 0,04 euros e a ducia sitúase a 2,12 euros. Os ovos da S cotízanse a 1,88 euros a ducia tras un aumento de 0,03 euros. As galiñas de descarte semipesadas tamén experimentaron unha suba, de 0,01 euros, e o prezo por quilo atópase entre os 0,30 e os 0,37 euros.

Lonxa Porcino 25_10_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información