Baixada xeral dos prezos medios do vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución das cotizacións de referencia da recría, os becerros carniceiros e o vacún maior, con algunhas excepcións. Mantéñense as subas no porcino e no mercado do ovo

Baixada xeral dos prezos medios do vacún en Silleda

Becerros nas instalacións da Central Agropecuaria. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos de referencia para o vacún. Houbo unha redución en boa parte das categorías da recría, os becerros carniceiros e o vacún maior, con excepcións puntuais nalgunhas seccións.

Mantéñense as subas no porcino, tanto no porco cebado coma nos leitóns. Tamén o mercado do ovo experimentou unha nova suba en tódalas categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 123 euros, o que supuxo unha baixada de 8 euros con respecto da semana pasada. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, a sección máis numerosa, o prezo medio situouse nos 145 euros, é dicir 1 euro máis. Foi unha das excepcións desta semana. Os becerros de máis de 50 días reduciron o seu valor en 8 euros e caen ata os 185 euros.

Pese a que tamén neste tipo de gando a tendencia foi á baixa, nos becerros de recría de cruzamentos industriais rexistráronse máis excepcións, con subas dos prezos medios en distintas categorías. Unha delas foron os animais de menos de 20 días, que experimentaron un incremento de 10 euros e acadan un prezo medio de 266 euros. As femias desta sección tamén incrementaron o seu valor, neste caso en 20 euros e quedan nos 245 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 361 euros, logo dunha baixada de 3 euros con respecto da semana pasada. Nas femias, o prezo de referencia sitúase nos 259 euros, 10 euros menos. Nos animais de máis de 50 días, os machos tiveron un valor medio de 525 euros, tras unha baixada de 37 euros. O valor de referencia das femias foi de 424 euros, 22 euros máis que a semana pasada.

Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha baixada xeral dos prezos que afectou a case tódalas categorías. Nos becerros de cruces industriais, os machos tiveron un valor medio de 999 euros, o que supón unha baixada de 82 euros con respecto da feira anterior. As femias quedaron nos 898 euros, é dicir 78 euros menos. Os becerros de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.029 euros, o que deixa unha baixada de 88 euros con respecto da feira anterior. Nas becerras desta raza houbo un incremento do valor medio de 55 euros e acadan os 1.057 euros de media. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.073 euros, o que os sitúa en 21 euros máis que a semana pasada.

No vacún maior, as vacas da categoría extra cotizaron á alza, cunha suba de 56 euros, de xeito que acadan os 2.163 euros. Foron a excepción. As vacas de primeira descontaron 7 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 1.151 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio caeu 11 euros e foi de 745 euros. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 481 euros, tras descontar 17 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 2.186 euros, o que supón 736 euros menos.

Central agropecuaria vacun 14_03_2023

Continúan as subas no porcino

Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 2,005 e 1,98 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,03 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,039 euros e están a 2,571 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre 1,19 e 1,25 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 105 euros (cun prezo de 5,25 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 100 euros e cun prezo por quilo de 5 euros.

O mercado do ovo experimenta unha suba de 0,02 euros en tódalas seccións. Deste xeito os ovos da XL acadan os 2,97 euros a ducia, os da L están a 2,76 euros, os ovos da M a 2,4 euros e os da S a 2,15 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen cambios e cotízanse entre os 0,30 e os 0,37 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Lonxa porcino 14_03_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información