Baixada xeral dos prezos en Silleda, con récord de afluencia de vacún maior

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución das cotizacións da recría, os becerros carniceiros e vacún maior. O porcino segue á baixa e os ovos mantéñense sen cambios. Xornada de récords de afluencia e transaccións de vacún maior e de transaccións totais

Baixada xeral dos prezos en Silleda, con récord de afluencia de vacún maior

Este martes logrouse un récord de afluencia de vacún maior, ó contabilizarse 288 exemplares. // Foto de arquivo.

Este martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou unha baixada xeral dos prezos. Os descontos apreciáronse en boa parte das categorías do gando de recría, con excepcións puntuais entre o gando frisón e os cruzamentos industriais. Tamén os becerros carniceiros cotizaron á baixa e o vacún maior tampouco escapou desta tendencia.

As mesas de cotizacións do porcino acordaron novos descontos nos prezos do porco cebado e dos leitóns. Namentres, o mercado do ovo e prezo do coello en Madrid continúan estables.

Tres récords na sesión

Pese ós prezos á baixa, este martes foi unha xornada de novos récords na central. Así, contabilizáronse 288 exemplares na categoría de vacún maior, unha concorrencia que supón un récord anual, xa que a última marca atopábase nos 278 animais rexistrados o 11 de maio. Tamén se conseguiu un récord no volume de transaccións de vacún maior, no que se acadaron os 322.749 euros, lonxe dos 293.085 que figuraban como máximo do pasado 22 de xuño. Esta é ademais a segunda mellor marca da Central, xa que o récord absoluto rexistrouse o 26 de xuño de 2012 cando se acadaron os 339.028 euros.

Esta mañá tamén se logrou un novo récord no volume de transaccións totais, ó contabilizar 511.937 euros, xa que a marca anual ata o momento fora a acadada o 15 de xuño, con 477.934 euros.

O vacún maior cotizou á baixa en tódalas seccións, agás os animais co selo Vaca e Boi de Galicia, que lograron unha suba de 215 euros e atópanse en 1.650 euros. Pola súa banda, as vacas da categoría extra están en 1.927 euros, o que supón 88 euros menos que a semana anterior. Nos animais de primeira houbo unha rebaixa de 8 euros e cotízanse a 1.148 euros. Nas vacas de segunda o prezo medio é de 730 euros, tras unha baixada de 25 euros. Os animais de descarte tamén experimentaron unha mínima baixada, de case 1 euro, que deixa un prezo medio de 478 euros.

Prezos dos becerros

No caso da recría, nos tenreiros de raza frisoa, os animais máis novos, os de menos de 15 días foron unha das excepcións ó rexistrar unha suba de 14 euros, que lle permite acadar un valor medio de 107 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, apreciouse unha baixada de 7 euros, que deixa un prezo de 119 euros. As 10 femias que se adxudicaron nesta categoría marcaron un prezo de 61 euros, o que supón unha suba de 29 euros. Os xatos de máis de 50 días cotizaron tamén á baixa, ó descontar 12 euros e situarse nos 131 euros. Nas femias rexistrouse un incremento de 39 euros, ata acadar os 95 euros.

Nos becerros de cruces industriais, os animais de menos de 15 días, experimentaron unha baixada de 30 euros o que os deixa nun prezo medio de 204 euros. Nas femias desta sección o prezo medio foi de 182 euros, apréciase unha suba de 19 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia neste tipo de gando, conseguiu un incremento de 9 euros, que lle permite situarse en 284 euros. As femias descontaron 15 euros e agora atópanse en 209 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días volveuse rexistrar unha baixada, neste caso de 13 euros, que sitúa o valor medio nos 381 euros. As femias lograron un incremento de 17 euros, co que acadan os 354 euros.

Tamén predominaron as baixadas dos prezos nos becerros carniceiros. Nos cruces industriais, os machos descontaron 9 euros e as femias 16, co que se sitúan nos 847 e 787 euros respectivamente. Nos exemplares de Rubia Galega, os machos están a 925 euros, logo dunha baixada de 72 euros. Na mentres, as femias cotízanse a 835, ó descontar 45 euros. Nos becerros frisóns, o prezo medio foi de 555 euros, 52 euros máis que os últimos becerros adxudicados hai 15 días. Nas femias, o prezo incrementouse 108 euros con respecto da semana pasada, e sitúanse a 305 euros.

Lonxa 06_07_2021Vacun

Baixa o porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron baixadas das cotizacións tanto para o porco cebado como para os leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,05 euros, polo que se cotizan a 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,896 euros, logo dunha baixada de 0,065 euros. Os porcos de desfeito acusaron tamén unha baixada de 0,05 euros, polo que agora cotízanse entre os 0,63 e os 0,69 euros o quilo.

Nos leitóns tamén houbo baixadas, que foron de 6 euros por animal. Así os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 51 euros (cun prezo de 2,55 euros o quilo) e os animais de varias ganderías situáronse nos 46 euros e cun prezo por quilo de 2,3 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Lonxa 06_07_2021_Porcino

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información