Baixada nos prezos dos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos medios na recría. Novo récord no prezo medio do vacún maior. Subas nos becerros carniceiros. Continúan á alza os porcos cebados e os leitóns. Subas no mercado do ovo

Baixada nos prezos dos becerros de recría en Silleda

Vacún maior na Central Agropecuaria de Galicia, en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra cada semana en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría, tanto nos becerros frisóns como nalgunhas categorías dos cruces industriais. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza, con prezos medios por encima dos da semana anterior en case tódalas categorías.

Esta semana bateuse un novo récord absoluto no vacún maior, ó superarse o prezo medio fixado o ano pasado. Este martes o prezo medio situouse en 1.500,21 euros, o que superou ós 1.332,58 euros que se acadaran o 16 de novembro do ano pasado, o maior ata a data. Este prezo medio supuxo que o volume de transaccións na categoría fose tamén o maior do ano, con 372.052 euros. O mesmo aconteceu coa facturación total da Central, que foi a máis alta en 2022 con 565.842 euros. Segundo apuntaron dende a Central, este récord na facturación está motivado pola maior calidade dos exemplares que acuden ó mercado. 

Por categorías, as vacas extra tiveron un prezo medio de 2.174 euros, o que supón 235 euros máis do valor de referencia da pasada semana. Nas vacas de primeira só se apreciou unha suba dun euro e cotizáronse de media a 1.157 euros. Nas vacas de segunda o valor medio foi de 750 euros, 13 euros máis que na lonxa anterior. A excepción desta sección produciuse nas vacas de desfeito, que cotizaron 35 euros por debaixo, cun valor medio de 457 euros. A suba máis significativa produciuse no prezo medio que acadaron os animais co selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia, que chegaron ós 2.973 euros, cun incremento de 1.852 euros.

Cómpre ter presente que nas variacións dos prezos, tanto no vacún maior como na recría e nos becerros carniceiros, tamén hai que ter en conta factores como a distinta calidade media que poden ter os animais (canais, quilos…). Porén, a comparativa dos prezos entre as sucesivas sesións da Lonxa serve como referencia para o sector.

Prezos da recría e becerros carniceiros

No caso da recría, os becerros frisóns acusaron unha baixada xeral dos prezos medios. Nos animais máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio situouse nos 83 euros, o que supón unha redución de 29 euros con respecto do cotizado a semana anterior. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia do mercado, o prezo medio estivo nos 104 euros, 14 euros menos. Os becerros de máis de 50 días cotizáronse a 107 euros, cunha baixada de 20 euros con respecto da última lonxa.

Na recría de cruzamentos industriais, os animais de máis de 50 días tamén cotizaron á baixa, cunha redución de 46 euros, e un prezo medio de 365 euros. Pola contra, os becerros de entre 20 e 50 días experimentaron unha suba de 3 euros e sitúanse nos 277 euros. No caso dos animais máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio foi de 211 euros, 10 euros máis que a semana pasada.

A tendencia foi á alza nos becerros carniceiros. Nos tenreiros frisóns o prezo medio foi de 891 euros, o que supuxo unha suba de 272 euros no prezo de referencia. Nos animais de cruces industriais os machos lograron un prezo medio de 889 euros, o que deixa unha suba de 62 euros en comparanza coa cotización da pasada semana. Pola contra, as femias descontaron 42 euros e o prezo medio situouse nos 734 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha suba de 10 euros no prezo medio desta semana, ó acadar os 934 euros. Nas femias apreciouse un incremento de 37 euros no valor de referencia, ó cotizarse a 858 euros. Nos animais co selo da IXP Ternera Gallega Suprema o prezo medio situouse nos 879 euros, o que deixa unha suba de 19 euros con respecto da semana anterior.

Lonxa 08_02_2022

Subas no porcino

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron de novo subas tanto no porco cebado como nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal tiveron un incremento de 0,03 euros e pasan a cotizarse a 1,085 e 1,060 euros o quilo, respectivamente. A suba máis destacada, ó igual que a semana pasada, produciuse nos animais de Canal II, que tiveron un incremento de 0,39 euros e agora sitúanse nun prezo de 1,377 euros o quilo. Os animais de descarte foron os únicos que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,32 e os 0,38 euros o quilo.

Nos leitóns, produciuse unha suba de 2 euros. Deste xeito, os exemplares procedentes dunha única granxa acadan os 47 euros (cun prezo de 2,35 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 42 euros e teñen un prezo por quilo de 2,1 euros.

No mercado do ovo houbo subas en tódalas categorías. Os ovos da XL experimentaron un incremento de 0,01 euros e acadan 1,70 euros a ducia. No resto de categorías houbo unha suba de 0,02 euros, de xeito que os ovos da L teñen un prezo de 1,40 euros, os da M están 1,22 euros e os da S páganse a 1,01 euros a ducia. As galiñas de descarte seguen a cotizarse entre os 0,22 e os 0,29 euros por quilo.

O coello está en 1,95 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Lonxa Porcino 08_02_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información