Baixada nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra baixadas nos prezos da recría así como no vacún maior. Subas nos becerros carniceiros e mantéñense sen cambios a mesa do porcino e do ovo

Baixada nos becerros de recría en Silleda

Animais no recinto feiral. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, con sede en Silleda (Pontevedra) rexistrou esta mañá unha baixada nos prezos da recría, tanto nos animais de raza Frisoa coma nos cruces industriais. Tamén houbo baixadas no vacún maior, mentres que nos becerros carniceiros apuntáronse subas nalgunhas categorías. Pola súa banda, as mesas de cotización do porcino mantivéronse sen cambios ó igual que os prezos dos ovos e do coello.

Na recría de raza Frisoa as baixadas afectaron a tódalas categorías. Os animais máis novos, os de menos de 20 días, experimentaron unha redución de 9 euros no prezo e pasan a cotizarse a 65 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a baixada foi de 15 euros e sitúanse a un valor medio de 79 euros. Nos animais de máis de 50 días a caída resultou de 8 euros e acadan un prezo de 97 euros.

Os becerros de cruces industriais tamén constataron unha tendencia á baixa. Nesta xornada, tanto os becerros de menos de 20 días coma a categoría seguinte, con animais de entre 20 e 50 días, rexistraron unha baixada de 29 euros. Deste modo, o prezo situouse en 204 e 240 euros respectivamente. Os becerros de máis de 50 días foron a única excepción na recría e apuntaron unha suba de 50 euros ata conseguir un prezo medio de 391 euros.

No caso dos becerros carniceiros, os animais frisóns incrementaron o seu valor en 4 euros e cotizáronse a 433 euros. Mentres, nos machos de cruces industriais houbo unha baixada de 19 euros ata os 815 euros. Porén, as femias desta categoría incrementaron o seu valor en 68 euros e pasan a cotizarse a 740 euros. Nos exemplares que acudiron ó mercado e que contaban co selo Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 866 euros, 24 euros máis que a feira pasada.

Esta semana, o vacún maior experimentou unha tendencia á baixa, aínda que con excepcións. Nas vacas de primeira categoría o prezo medio situouse nos 1.099 euros, cunha redución de 17 euros. Tamén houbo unha baixada do prezo nas vacas de desvelle, neste caso o seu valor reduciuse en 10 euros e pasan a cotizarse a 439 euros. A única suba foi nos animais de segunda, que acadaron os 706 euros logo dun incremento de 4 euros. Este martes só se adxudicou un animal co selo Vaca e Boi de Galicia, que acadou un prezo de 1.065 euros, 80 por debaixo do valor medio da semana pasada.

Central-Agropecuaria-Vacuno-28_07_2020

Sen cambios no porcino

En canto ás mesas de cotización do porcino, esta semana non houbo modificacións nos prezos do porco cebado e os leitóns volveron quedar novamente sen cotización.

Así, os prezos nas categorías selecta e normal sitúanse a 1,325 e 1,30 euros respectivamente, mentres os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,688 euros por quilo. Os porcos de desvelle atópanse entre 0,45 e os 0,51 euros por quilo.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios esta semana. Deste xeito, os ovos da categoría XL cotízanse a 1,61 euros a ducia, os da L páganse a 1,20 euros, os ovos da categoría M sitúanse a 1,07 euros e os da S a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle teñen un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, o coello continúa cotizándose a 1,75 euros o quilo.

central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-28_07_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información