Baixada nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos da recría, en especial nos tenreiros de cruzamentos industriais. Baixadas nos becerros carniceiros e subas no vacún maior. Sen cambios nas mesas de porcino nin nos ovos

Baixada nos becerros de recría en Silleda

Recría nas instalacións do recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

Este martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou unha baixada xeral dos prezos da recría, en especial nos machos de cruzamentos industriais. Tamén nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, en boa parte das seccións. O vacún maior experimenta subas nas categorías con maior afluencia. Esta semana as mesas de prezos do porcino e o mercado do ovo mantéñense sen cambios.

A baixada dos prezos da recría rexistradas este martes foi máis acusadas nos animais de cruces industriais. Con todo, nos frisóns tamén houbo destacadas reducións. Así, nos becerros frisóns de menos de 20 días produciuse unha baixada de 14 euros e cotízanse a 55 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia, houbo unha redución de 23 euros, o que lastra o prezo medio ós 73 euros nos machos. Porén, as femias vendéronse a 151 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o prezo quedou nos 110 euros, logo dunha baixada de 7 euros.

Na recría de cruzamentos industriais, as baixadas afectaron en especial ós machos. Os tenreiros de menos de 20 días descontaron 62 euros e caen ata os 176 euros. As femias, pola contra, suman 4 euros e están a 148 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, a baixada foi de 27 euros e quedan a 247 euros. De novo as femias conseguiron un incremento, desta vez de 7 euros, que deixa un prezo medio de 184 euros. Nos becerros de máis de 50 días, produciuse un desconto de 63 euros, e o prezo medio é de 322 euros. Nas becerras tamén se acusou unha baixada, de 13 euros, e cotízanse a 263 euros.

Nos becerros carniceiros as baixadas de prezos máis destacadas afectaron ós animais de Rubia Galega. Tanto machos como femias descontaron 119 euros respectivamente e agora quedan cun prezo medio de 865 e 751 euros. Os becerros de cruces industriais mantéñense nos 868 euros da semana pasada, porén nas femias apreciouse unha baixada de 78 euros, que deixa un prezo medio de 707 euros. Os becerros frisóns cotizáronse a 576 euros e a única femia adxudicada nesta sección fixou un prezo medio de 592 euros. Nos becerros co selo Ternera Gallega Suprema, o prezo medio quedou en 864 euros, logo dunha baixada de 94 euros.

O vacún maior experimentou esta semana subas en boa parte das seccións. As vacas da categoría extra están a 1.907 euros, tras un incremento de 63 euros. Nos exemplares de primeira o prezo aumentou 7 euros e agora cotízanse a 1.142 euros. A única excepción produciuse nas vacas de segunda, cunha baixada de 21 euros e que quedan cun prezo medio de 724 euros. Os animais de desfeito conseguiron un incremento de 25 euros e acadan os 483 euros. Os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia están esta semana a un prezo medio de 1.401 euros, moi afastados dos 362 euros ós que se cotizou o único exemplar adxudicado a semana pasada.

Central Agropecuaria Silleda 17_08_2021

Sen cambios no porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino mantivéronse sen cambios nas cotizacións tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,275 e 1,250 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,623 euros e os porcos de desfeito están entre os 0,50 e os 0,56 euros o quilo.

Nos leitóns os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 34 euros (cun prezo de 1,7 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 29 euros e cun prezo por quilo de 1,45 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Silleda Porcino 17_08_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información