A Central Agropecuaria de Galicia retomou este martes as súas poxas tralo parón do Nadal. Cunha menor afluencia de gando do habitual por coincidir en día festivo (Día de Reis), o 2026 arrincou en Silleda con novas baixadas de prezos na recría, mantemento nas cotizacións do vacún maior e os becerros carniceiros e estabilidade tamén no porcino, logo dun segundo semestre do 2025 funesto primeiro polos aranceis de China e despois polos efectos da peste porcina africana sobre as exportacións.
No que respecta ao gando vacún, na recría, onde non había poxa desde o pasado 16 de decembro, poduciuse unha baixada de todas as categorías, tanto nos becerros de raza frisoa coma nos de cruzamento industrial. Os xatos pintos de dúas semanas pagáronse de media por baixo dos 200 euros e os de 3 semanas por baixo dos 300 euros, algo que levaba meses sen suceder. No caso dos becerros cruzados, a tendencia á baixa tamén foi clara.

Nos becerros carniceiros a afluencia foi moito menor da habitual, con menos na metade de asistencia con respecto a unha sesión normal. A poxa foi desigual, con descenso de prezo nos machos de cruzamento industrial e rubia galega e lixeira suba nas femias con respecto á sesión especial celebrada o luns 29 de decembro.

O vacún maior, con menor afluenza tamén, mantivo prezos, cun repunte nas vacas de categoría Extra para situarse de novo no entorno dos 2.500 euros, mentres que as de categoría Primeira páganse máis ou menos á metade (1.250 euros) e as de Segunda a 800 euros.

No que respecta ás mesas de prezos do resto de especies gandeiras, a sesión deste martes foi plana, sen cambios nin en porcino, nin nos ovos, nin nos coellos. O porcino semella ter todado fondo, logo de meses de caídas acusadas de prezo, e leva dúas sesións estable.

Descarga as cotizacións completas desta semana no seguinte enlace.
Galego









Control OJD