A Central Agropecuaria de Galicia celebrou este martes no recinto feiral de Silleda a súa habitual sesión con baixadas importantes nos animais de recría e subas nas vacas de desvelle como principais novidades da xornada.
Os maiores descensos producíronse no gando de recría. Os xatos frisóns perderon o valor acadado na sesión anterior, a do pasado 25 de abril. Así, os animais de 15 a 20 días baixaron 33 euros, até colocarse en 115 euros, mentres a categoría de 21 a 50 días cotizou a 139 euros logo de perder 38 euros. Os animais máis grandes, de máis de 50 días, caeron ata os 169 euros, 43 menos que na sesión anterior, na que subiran 37.
O cruce industrial comportouse de xeito desigual, pois mentres os animais máis pequenos gañaban 41 euros, até situarse en 389, tanto os medianos como os grandes sufriron caídas importantes, de 34 e 40 euros respectivamente, até situárense en 394 e 544 euros. Os xatos de raza rubia galega de entre 21 e 50 días perderon máis de 100 euros e quedaron nos 483, mentres que os de máis de 50 días subiron 20 euros até os 657.
Cebo e desvelle
A mesma tendencia mostraron os animais de cebo, onde os xatos carniceiros frisóns perderon máis do gañado na última sesión, cunha caída este martes de 192 euros para situarse en 760. Pola contra, o cruce industrial gañou 108 euros, até os 1.114. Os xatos cebados de raza rubia galega baixaron por segunda semana consecutiva (91 euros na anterior sesión e 49 nesta) e os animais marcados como Ternera Gallega Suprema subiron 27 euros, que se engaden aos 89 da semana anterior.
No que respecta ao vacún maior, séguense mantendo boas cotizacións en todas as categorías, con estabilidade a respecto da semana anterior. As vacas extra vendéronse de media a 2.268 euros, a categoría primeira a 1.142, a segunda a 752 e os animais de desvelle a 521 euros, o que supón unha suba de 39 euros sobre a semana pasada.
Porcino, coellos e ovos
No gando porcino, tanto os animais cebados como os leitóns mantivéronse sen cambios a respecto da sesión anterior. Tampouco variou a cotización dos coellos, que seguen a 2,40€/kg. O único cambio nas mesas de prezos celebradas nesta xornada foi a dos ovos, que se encareceron 2 céntimos en todas as categorías, acadando a ducia XL os 3 euros, tanto para os ovos rubios como para os brancos.