A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos dos becerros de recría de raza frisoa. Mentres que nos animais de cruzamento houbo algunhas seccións nas que se produciron subas. Tamén cotizan á alza os becerros carniceiros, con excepcións para os tenreiros de Rubia Galega ou os vendidos baixo o selo de Ternera Gallega. No vacún maior non houbo unha tendencia predominante e producíronse subas ou baixadas nas distintas categorías.
As mesas de cotización do porcino continúan esta semana con subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O mercado do ovo mantense estable.
Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.
Na recría frisoa o prezo de referencia dos animais máis novos, os de menos de 20 días, foi de 116 euros, o que supuxo unha baixada de 8 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 147 euros, logo dunha baixada de 4 euros. Os becerros de máis de 50 días reduciron o seu valor en 5 euros e quedan nos 170 euros.
Nos becerros de recría de cruzamentos industriais non houbo unha tendencia predominante. Así, os tenreiros de 20 días tiveron un prezo medio de 305 euros, o que amosa unha suba de 30 euros con respecto do valor medio da semana pasada. As femias desta sección rexistraron unha suba de 5 euros e acadan un prezo medio de 223 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio foi de 336 euros, ó sumar 5 euros con respecto da semana pasada. Nas femias o prezo de referencia sitúase nos 251 euros, tras unha baixada de 14 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos descontaron 12 euros e quedan nos 455 euros. O valor medio das femias foi de 331 euros, 70 euros menos que a semana pasada.
Os tenreiros carniceiros experimentaron esta semana unha suba xeral dos prezos que afectou a case tódalas categorías. Nos becerros frisóns o valor medio foi de 965 euros, o que supón 456 euros máis que o prezo manexado a semana pasada. A única femia adxudicada marcou un valor de referencia de 918 euros. Nos becerros de cruces industriais, machos e femias experimentaron unha suba de 79 euros o que deixa un valor medio de 1.052 euros e 987 euros respectivamente. Os becerros de Rubia Galega foron unha das excepcións, cunha redución do valor medio de 105 euros, polo que se cotizaron a 1.068 euros. As femias desta raza incrementaron o seu prezo en 174 euros ata acadar os 1.123 euros. Nos animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 1.113 euros, o que os sitúa en 8 euros menos que a semana pasada.
No vacún maior tampouco houbo unha tendencia clara. Os animais da categoría extra cotizaron a un prezo medio de 2.136 euros, o que supón 38 euros menos que a semana anterior. As vacas de primeira mantéñense de novo esta semana sen cambios, cun valor de referencia de 1.154 euros. Nos exemplares de segunda, o prezo medio foi de 765 euros, logo dunha suba mínima de 1 euro. Os animais de desfeito teñen un valor de referencia de 490 euros, é dicir 2 máis que a semana pasada. Nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.813 euros, o que supón 337 euros máis que a semana pasada.
Continúan as subas no porcino
Nas mesas de cotizacións do porcino houbo subas tanto no porco cebado coma nos leitóns. O porco selecto e o normal teñen un valor de 1,825 e 1,8 euros o quilo, respectivamente logo dunha suba de 0,05 euros. Os porcos de Canal II tiveron un incremento de 0,065 euros e están a 2,338 euros. Os animais de descarte experimentaron unha suba de 0,06 euros, de xeito que agora cotízanse entre os 0,95 e os 1,01 euros o quilo.
Nos leitóns houbo unha suba de 5 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 94 euros (cun prezo de 4,7 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 89 euros e cun prezo por quilo de 4,45 euros.
O mercado do ovo continúa estable esta semana. Os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 euros e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,30 e os 0,37 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).