Unións Agrarias lamenta que o Goberno deixara novamente fóra da rebaixa do IVE a un produto como a carne. “Resulta incomprensible que nas sucesivas caídas tributarias que se veñen dando na alimentación desde 2022 ata agora incorporar o aceite, nunca se escoitaran as razóns da gandería extensiva para ser incluída nas mesmas”, denuncian.
Desde a organización agraria afírmase que “desde o punto de vista social, económico e mesmo nutricional o veto a carne non se sostén porque é un produto de primeira necesidade que debe de ser accesible para as familias vulnerables”.
Neste sentido, UUAA lembra “o carácter estratéxico do sector produtor de carne, -especialmente o de vacún-, supón o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade” e destaca “o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes”.
Galicia conta cunhas 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.
Ademais, Unións lembra que “sectores produtivos como o porcino están nestes intres nun momento de especial incerteza polas ameazas de boicot do mercado chino sobre as importacións españolas e mesmo o sector cunícola tamén se atopa nun momento complexo pola suba dos custes de produción que está a afogar a gandería de carne polo encarecemento dos insumos”.
Para Félix Porto, secretario de Coordinación sectorial de UUAA, “temos que valorar a sensibilidade do Goberno cos consumidores e cos produtores de aceite, pero é un grave erro que non se inclúa a carne na cesta de produtos básicos aos que lles baixan o IVE. Parece outra proba de que hai sectores do Goberno que queren converter a carne nun alimento proscrito”.
Ademais insístese na necesidade a cumprir tamén cos compromisos adquiridos para rematar coa venda a perdas e garantir o cumprimento da Lei de Cadea no cárnico de vacún e a posta en marcha efectiva do Observatorio de Custos e da AICA galega.
Finalmente, a organización agrogandeira volve facer un chamamento para que “Xunta de Galicia e IXP Ternera Gallega vaian da man para buscar novas vías que permitan revalorizar e dar saída á carne de Ternera Gallega, cuxas ventas se atopan nestes momentos estancadas debido ao desaxuste entre oferta e demanda pola saturación que do mercado local e da necesidade de buscar novas vías para darlle saída á carne”.