A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou esta mañá unha baixada xeral das cotizacións en boa parte das categorías de gando vacún. Polo que respecta ao porco cebado, mantense estable e soben os prezos dos leitóns.
En canto ós becerros de recría, os animais de raza frisoa acusaron subas nalgunhas categorías pero tamén houbo baixadas dos prezos. Así, a sección máis numerosa e representativa, os animais de entre 20 e 50 días, baixou ata os 97 euros por animal, dous menos que a pasada semana.
Nas outras categorías houbo leves subas. Así, nos animais máis novos, con menos de 20 días, subiron 2 euros ata os 77 euros para os machos.Tamén nos becerros frisóns de máis de 50 días se produciu unha pequena recuperación, cun prezo medio de 115 euros por xato, fronte aos 110 euros de media da pasada semana.
No caso dos becerros de cruces industriais a tendencia tamén foi á baixada. Así, os becerros de menos de 20 días baixaron en 42 euros o seu prezo ata os 227 euros. Porén, no caso das femias desta sección, o prezo medio foi de 182 euros, 40 por riba do rexistrado a semana pasada. Nos animais de entre 20 e 50 días baixou o prezo en 3 euros, situándose nos 291 euros, e nas femias caeu 6 euros para acadar os 189 euros. Na sección de máis de 50 días, houbo unha suba de 87 euros para os machos, co que o prezo medio foi de 388 euros. Nas femias, pola contra, baixou en 29 euros ata os 282 euros.
Nos becerros carniceiros, nos animais de razas de cruces industriais produciuse unha baixada de 75 euros nos machos, ata quedar nos 787 euros de media, e de 58 euros para as femias, que baixaron ata os 778 euros.
Vacún maior
Tamén houbo baixada de prezos no vacún maior e a única excepción marcárona as vacas de primeira, cunha suba de 19 euros co que se cotizaron a 1.106 euros. Mentres, nas vacas de segunda caeu o seu prezo en 5 euros ata quedar nos 726 euros de media. Os exemplares de desvelle rexistraron tamén unha baixada, neste caso de 7 euros e o seu prezo medio foi de 459 euros.
Suba do prezo dos leitóns
No referido ás mesas de cotizacións do porcino, esta semana acordaron manter sen cambios o prezo do porco cebado por segunda semana consecutiva. Así, os prezos para o porco cebado selecto e normal mantéñense en 1,495 e 1,470 euros o quilo respectivamente. Na categoría de Canle II págase a 1,909 euros o quilo e nos animais de desvelle o prezo si subiu 0,02 euros e oscila entre os 0,73 e os 0,79 euros.
Nos leitóns segue a recuperación cunha suba esta semana de 2 euros en tódalas categorías. Deste xeito, o bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 58 euros e para os animais chegados de varias ganderías o prezo sitúase nos 53 euros. O prezo por quilo é de 2,9 e 2,65 euros respectivamente.
En canto aos ovos houbo unha regularización dos prezos, que quedan do seguinte xeito: 1,40 euros a ducia dos de categoría XL; 1,20 para os de L; 1,05 euros a ducia dos ovos de clase M e 0,85 euros para os de S. O prezo da galiña de desvelle sobe 0,01 euros e sitúase nun intervalo de 0,10 e 0,18 euros o quilo.
Tampouco houbo cambios na Lonxa de Madrid para o prezo do coello que continúa en 1,85 euros.