A xornada deste martes da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca caracterizouse pola baixada do gando bovino, tanto becerros de recría como vacún maior, e a suba dos ovos. O porco cebado segue á baixa, mentres que en Madrid o coello sobe ata os 1,90 euros o quilo.
Así, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes experimentaron unha clara baixada. En concreto, na categoría de menos de 20 días, a cotización media caeu ata os 88 euros, fronte aos 115 da poxa do pasado martes. E na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén baixou ata os 126 euros por xato, dez menos que a anterior sesión. Na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, o prezo medio tamén foi á baixa, ata unha media de 147 euros, fronte aos 162 da semana pasada.
Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia foi tamén a unha caída ded prezos. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias baixaron nos machos ata os 234 euros, fronte aos 268 da pasada poxa. E na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos tamén caeu ata os 284 euros de media, fronte aos 319 do pasado martes. Nas femias os prezos tamén caeron nesta categoría, quedando nunha media de 187 euros, fronte aos 205 do pasado martes. A excepción a esta caída foron os xatos de máis de 51 días, nos que o prezo medio subiu nos machos ata os 375 euros e nas femias ata os 313, fronte aos 352 e 264 euros de media da última poxa, respectivamente.
No vacún maior a tendencia xeral foi tamén á baixa. Deste xeito, quedaron en 1.085 euros de media en categoría primeira, 709 en segunda -a máis numerosa- e 459 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.073, 726 e 463 euros, respectivamente.
As cotizacións en gando vacún quedaron da seguinte maneira:
Suba dos ovos e do coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse aplicar unha semana máis unha suba en todas as categorías. A XL subiu 0,010 euros ata os 1,55 euros a ducia; a L subiu 0,02 ata os 1,43 euros a ducia; a M rexistrou unha suba de 0,02 euros, quedando a ducia en 1,30 euros e a S subiu 0,03 euros ata os 1,01 euros a ducia.
E na Lonxa de Madrid o coello subiu 0,10 euros ata os 1,90 euros o quilo.
Baixada no porco cebado e sen cambios nos bacoriños
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis aplicar unha baixada de 0,05 euros o quilo ás categorías Selecta e Normal, que quedaron nos 1,350 e 1,325 euros por quilo, respectivamente. No desvelle a baixada foi de 0,02 euros o quilo, de forma que queda nun intervalo de prezos de entre 0,79 e 0,85 euros o quilo. A Canle II tamén baixou 0,065 euros, ata quedar nos 1,721 euros por quilo.
En canto aos leitóns, acordouse manter as cotizacións nos 36 euros para os procedentes de varias explotacións e os 41 euros para os procedentes dunha única explotación.