Baixada dun euro no eucalipto e temor no piñeiro a unha sobreoferta puntual de cortas polos fungos

Os prezos da madeira mantéñense practicamente estables desde o verán pasado, sen cambios no piñeiro e cunha lixeira tendencia baixista no eucalipto, que polo de agora non está a retraer as vendas por parte dos propietarios

Baixada dun euro no eucalipto e temor no piñeiro a unha sobreoferta puntual de cortas polos fungos

O mercado da madeira en Galicia está a vivir esta primavera unha leve baixada no prezo do eucalipto, dentro da situación de estabilidade mantida no último ano, e un mantemento das cotizacións do piñeiro, que segue a ter unha forte demanda, sobre todo nos casos da rolla de maior calidade.

O recorte de prezos no eucalipto, dun euro en tonelada aproximadamente, non se está a deixar notar de momento no monte, na época do ano na que máis cortas se levan a cabo. Aínda que as caídas de prezo acaban normalmente retraendo aos propietarios á hora de vender, polo de agora os efectos desta corrección á baixa son limitados, logo da reactivación do sector trala suba de 2 euros en tonelada o verán pasado.

No último mes estase a ver unha tendencia baixista non moi acusada no eucalipto, con recorte de prezos dun euro en tonelada

Esta tendencia actual á baixa no prezo, que as empresas cortadoras comezaron a aplicar en maio, estase a levar a cabo tanto no glóbulos coma no nítens, que se está a converter pouco a pouco na especie de referencia en Galicia, ao ter incrementado de xeito importante os seus volumes.

Con turnos de corta máis reducidos, de 12-14 anos, está a monopolizar boa parte das repoboacións actuais, tanto en zonas do interior (o seu espazo natural debido á maior resistencia ás xeadas) como da costa. “Xa se está cortando tanto nitens coma glóbulus”, aseguran na comarca da Mariña, un dos lugares tradicionais do glóbulus en Galicia, xunto coa costa de Pontevedra.

O eucalipto nitens converteuse por primeira vez no 2024 na principal especie forestal de Galicia por volume de cortas

Nos prezos inflúe cada vez máis a cantidade de madeira e a situación do monte, tanto a facilidade de saca como as condicións de carga, habendo diferenzas de 2 ou 3 euros en tonelada en función do volume e das posibilidades de carga dos tráilers no propio monte.

“Poñer a madeira en cargadeiro de camión subiu un 25 ou un 30% nos últimos 4 ou 5 anos. Outro factor é que mover procesadoras en góndola para sacar pouca cantidade non compensa”, xustifican.

Se pasamos de 1.000 toneladas para riba sobe un euro ou dous, sobre todo se a carga de camión é pegada ao monte

Para un lote promedio dunhas 500 toneladas, o glóbulus con casca sitúase nestes momentos entre os 33 e os 36 euros (prezo a cobrar polo propietario, co IVE e descontado o 2% de retención de IRPF), para un lote de 500 toneladas.

O glóbulos pelado sitúase nos 40 euros e o que leva Ence con casca no entorno dos 35€, mentres que o nítens quedaría en 30€

Ence, principal destino da madeira de eucalipto galega, prima o eucalipto sen pelar, sobre todo con destino á planta de Navia, onde aproveita estes refugallos para a xeración de enerxía. Pola contra, a que vai para Portugal, Zaragoza ou Hernani vai pelada, cun diferencial de prezo de 5 euros en tonelada. O diferencial entre o góbulos e o nítens tamén se mantén nos 5 euros.  

Mercado da pasta de papel

A cotización da celulosa de fibra curta branqueada BHKP (Bleached Hardwood Kraft) en Europa situouse o pasado 6 de xuño na bolsa de referencia, Norexeco, en 1.193$/tonelada. Recuperou deste xeito case 200 dólares/tonelada nos primeiros 4 meses deste ano, despois da forte caída no segundo semestre do 2024, cando pasou dos máximos do mes de xullo (1.439,58$) aos 1.000,04$ do mes de xaneiro de 2025.

As previsións de futuros auguran unha caída en xuño e xullo até os 1.120$ e unha recuperación posterior no último trimestre do ano para volveren os prezos ao entrono dos 1.200$ no ano 2026.

A celulosa de fibra curta recuperou 200 dólares en tonelada este ano, despois da forte caída do segundo semestre do 2024

O mercado actual da celulosa a nivel mundial segue marcado pola debilidade da demanda europea e pola presión baixista de China. A ameaza dos aranceis do 50% de Donald Trump (as negociacións coa UE están abertas até o 9 de xullo) poderían conter as exportacións de papel e cartón das empresas europeas cara EEUU (representan 1,6 Mt anuais), aínda que os stocks actuais de pasta química blanqueada (BHKP) seguen sendo baixos.

O mercado da UE é o principal destino das vendas das plantas transformadoras do eucalipto galego (ENCE, Altri, Navigator, Lecta e Iberpapel), mentres que o mercado chinés continúa absorbendo boa parte da produción extra de Brasil, Chile e Uruguai, o que condiciona indirectamente os prezos europeos.

As bandas provocan abundancia momentánea de piñeiro

Hijos de Ramon Rubal (Alfoz) piñeiro2O mercado do piñeiro segue nun momento bo en canto a prezos se refire. A madeira de conífera de calidade, pouco abundante nos montes galegos debido á falta habitual de silvicultura, sobe dos 50 euros. O resto da rolla, sen ser de primeira, págase en pé no monte a 45 euros e o puntal a 28.

Se a rolla é de primeira sobe dos 50 euros en pé no monte

Pero no sector hai temor a unha sobreoferta provocada polas cortas sanitarias masivas debido ás bandas. As enfermedades fúnxicas seguen a avanzar na provincia de Lugo, orixe de máis do 50% das cortas de piñeiro en Galicia, afectando de xeito moi importante ás masas de radiata, o que está a forzar aos propietarios dos montes a ter que vender, cun incremento do 20% nas cortas de piñeiro radiata no 2024.

“Empeza a haber moita oferta de piñeiro, a ver como a vai dixerindo o mercado, porque prevemos que a curto prazo poida haber sobreoferta”, recoñecen.

Malia este espellismo momentáneo, desde as empresas de transformación alertan do risco de desabastecementos a medio prazo. Recentemente, 66 aserradoiros galegos, que representan o 90% do vulume de piñeiro transformado na comunidade, emitían unha comunicación dirixida á Xunta de Galicia na que advertían da previsible falta de materia prima nun horizonte de 10 anos, tendo en conta a contención que se está a producir nas repoboacións, debido á falta de alternativas, xa que, por exemplo, o piñeiro taeda segue a ser un gran descoñecido en Galicia e o prezo da planta cando menos duplica ao do radiata.  

Moitos propietarios que cortan radiata afectado pola enfermidade das bandas non saben moi ben qué plantar

As existencias actuais de madeira de piñeiro nos montes galegos ascenden a uns 70 millóns de metros cúbicos, segundo os cálculos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, que estima unhas 429.000 hectáreas de coníferas na comunidade, nas que na actualidade non se pode plantar eucalipto, aínda que o final da moratoria, en vigor desde xullo do 2021 e que remata en decembro deste ano, aporta incertidume e inseguridade aos donos dos montes.

Parte dos propietarios, tras corta, están a esperar pola decisión que toma a Administración sobre a moratoria do eucalipto.

Exportación de piñeiro a Portugal
Os niveis de exportación de coníferas aos aserradoiros portugueses continúan a ser elevados. Galicia exportou o ano pasado 784.293 toneladas de eucalipto e 354.072 de piñeiro a Portugal, con descensos sobre os máximos acadados no ano 2023.

A metade das cortas de eucalipto galegas proceden da provincia da Coruña (3,1 millóns de toneladas en 2024), seguida de Lugo (1,5) e Pontevedra (0,6). Nas cortas de piñeiro a situación é a inversa, con Lugo liderando o mercado (1,8 millóns de toneladas en 2024), seguida pola Coruña (0,7), Pontevedra (0,5) e Ourense (0,3).

A escaseza de coníferas leva ás industrias lusas a aprovisionarse no sur galego, elevando os prezos con respecto ao norte da comunidade

O efecto da demanda portuguesa déixase notar sobre todo na zona sur da comunidade, onde se manteñen prezos máis elevados en comparación co norte de Galicia. As fábricas lusas abastécense en Galicia tanto de madeira de serra como sobre todo de puntal, que van en parte para a planta de celulosa de Viana do Castelo.

No que respecta a Galicia, na comunidade hai na actualidade uns 120 serradoiros e unha ducia de empresas de fabricación de taboleiros, laminados, contralaminados e outro tipo de produtos técnicos, que transforman anualmente uns 3,5 millóns de toneladas de piñeiro. No caso dos serradoiros, a metade están situados provincia de A Coruña, o 20%, en Lugo e o 30% restante en Ourense e Pontevedra.

Cortas nas faixas de protección entorno ás vivendas

Tralos incendios que no ano 2017 cercaron á cidade de Vigo, Galicia avanzou nos últimos anos na delimitación e limpeza das faixas de protección en torno a vivendas e núcleos de proboación.

O envío das comunicacións por parte dos Concellos aos propietarios forestais inicia un proceso que leva en moitos casos a ter que cortar piñeiros e eucaliptos ou desbrozar de matogueira nas zonas afectadas.

Estas labores levan ás empresas de corta e saca de madeira, así como ás de realización de traballos forestais a ter que encargarse dunha demanda extra. O custo destas labores acaba recaendo no dono do monte afectado, polo que desde as asociacións de propietarios forestais demándase unha “corresponsabilidade” por parte das Administracións, tanto á hora de facer fronte aos gastos anuais de limpeza destas faixas de protección como tamén na busca dunha fórmula que permita un pago por lucro cesante nestas parcelas, que eran monte e que perden a súa función produtiva.

Dende as asociacións forestais estase intentando involucrar ás Administracións para que compartan o custo da limpeza anual das parcelas cos propietarios afectados

No distrito forestal da Mariña, concellos como os de Viveiro, Xove, Foz ou Barreiros remitiron esta primavera as cartas aos donos das fincas afectadas. “O propietario ten un prazo para cortar, pero unha vez que conta con contrato de compra da madeira, queda xa digamos que exonerado e a empresa que compra ten un ano para cortar”, explica Manuel Galdo, de Promavi, que explica que “en concellos coma Viveiro está executado xa o 70% destas faixas de protección entorno ás vivendas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información