Este martes na Central Agropecuaria de Galicia suspendéronse as poxas de gando vacún e só se celebraron as mesas de prezos. Isto débese á festividade nacional do vindeiro xoves, que modifica os ritmos dos mercados.
En canto ás mesas de cotizacións, no porcino houbo baixadas dos prezos tanto para o porco cebado como para os leitóns. Nos animais adultos, as clases selecta e normal experimentaron unha baixada de 0,02 euros con respecto da semana pasada, de xeito que se cotizan a 1,855 e 1,83 euros respectivamente.
Nos exemplares de Canal II, o prezo do quilo sitúase en 2,377 euros, o que supón unha redución de 0,026 euros en comparación á semana anterior. Nos animais de desvelle amósase unha baixada de 0,03 euros, polo que se cotizan entre 0,78 e 0,84 euros o quilo.
Nos bacoriños houbo unha baixada de 1 euro esta semana para todas as categorías. Así, os animais procedentes dunha única granxa están agora en 65 euros, de xeito que o prezo por quilo é de 3,25 euros. Nos exemplares procedentes de varias ganderías, o prezo por quilo é de 3 euros, de xeito que por unidade sitúanse nos 60 euros.
Estabilidade no mercado do ovo
O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da categoría XL cotízanse a 2,85 euros a ducia, os da L están nos 2,24 euros, os da M a 1,95 e os da S sitúanse en 1,66 euros. Tampouco houbo variacións nas galiñas de desvelle, que están entre os 0,29 e 0,37 euros o quilo.
Tamén segue estable o prezo do coello, que esta semana se pagaba a 2,20 euros o quilo na Mesa Nacional de Prezos para o Coello (Loncun).