Baixada dos prezos nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixada das cotizacións dos tenreiros carniceiros e no vacún maior. Na recría houbo reducións nas seccións con máis animais. As mesas de porcino volven acordar subas no prezo do porco cebado e nos leitóns

Baixada dos prezos nos becerros carniceiros e no vacún maior en Silleda

Vacún maior no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

Na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra) a tendencia este martes foi á baixa, con reducións nos prezos dos becerros carniceiros, así como en boa parte das seccións de recría. Tamén o vacún maior acusou baixadas nas cotizacións. Mentres, nas mesas do porcino esta semana volven acordar novas subas tanto para o porco cebado como para os leitóns. Tamén houbo subas no mercado do ovo.

Na recría, tanto nos animais frisóns como nos de cruces industriais apreciáronse subas nalgunhas seccións, porén naquelas categorías con maior volume de animais houbo baixadas das cotizacións. Así, no caso dos becerros pintos de menos de 20 días, o prezo incrementouse en 3 euros e cotízanse a 54 euros. Na sección de entre 20 e 50 días, a que contabiliza máis exemplares, o prezo mantívose sen cambios, quedando en 80 euros. Os becerros frisóns de máis de 50 días experimentaron unha suba de 13 euros e cotízanse a 102 euros.

Nos becerros de cruzamentos industriais, os animais de menos de 20 días incrementaron o seu valor en 18 euros, ata os 208 euros. Nas femias, houbo unha baixada de 24 euros e agora sitúanse en 125 euros. Na categoría máis numerosa, cos exemplares de entre 20 e 50 días, o prezo reduciuse en 13 euros, ata quedar en 232 euros. Nas femias desta sección, a baixada foi de 19 euros e cotízanse a un valor medio de 156 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o prezo subiu 73 euros e acada os 388 euros para os machos, e as becerras páganse a 205 euros, tras un incremento dun euro.

No caso dos tenreiros carniceiros, houbo baixadas en case tódalas seccións, agás os machos de Rubia Galega, que incrementaron o seu valor en 127 euros e agora cotízanse a 926 euros. As femias desta raza pola contra, descontaron 88 euros e sitúanse en 701 euros. Os becerros de cruzamentos industriais atópanse a 729 euros, tras unha baixada de 15 euros. As femias están a 691 euros, ó experimentar unha redución de 11 euros. Tamén o único becerro frisón adxudicado se atopa 8 euros por debaixo do prezo acadado a semana pasada e fixa un prezo medio de 436 euros.

Tódalas categorías do vacún maior experimentaron baixadas esta semana. Nas vacas da sección extra, a redución foi de 6 euros, ata os 1.726 euros. Nos exemplares de primeira, o prezo medio é de 1.048 euros, 32 euros por debaixo da feira anterior. As vacas de segunda, a categoría con maior afluencia, tamén desconta 1 euro e quedan cun prezo medio de 705 euros. Os exemplares de desfeito están nun valor medio de 439 euros, tras descontar 30 euros. Esta semana non se adxudicou ningún animal co selo Vaca e Boi de Galicia.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacuno-09_02_2021-2

Subas no porcino

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en boa parte das seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,02 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,165 e 1,140 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,026 euros, e acadan así un valor medio de 1,481 euros. A única excepción produciuse nos porcos de desfeito, que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,45 e os 0,51 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 59 euros, cun prezo de 2,95 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,7 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 54 euros.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor en 0,01 euros. Deste xeito a ducia de ovos da XL cotízase a 1,50, os da L a 1,08 euros, os da M están a 0,97 e os da S atópanse a 0,77 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, mantéñense sen cambios, cun prezo de entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropec-Galicia-Porcino-09_02_2021-1

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información