Baixada dos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha caída das cotizacións en tódalas categorías dos xatos carniceiros. Subas na recría frisoa e de cruces e no vacún maior. Os porcos e os ovos mantéñense sen cambios

Baixada dos prezos medios dos becerros carniceiros en Silleda

Becerros de Rubia Galega na Central Agropecuaria de Silleda. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca experimentou este martes unha baixada xeral dos prezos dos becerros carniceiros. Así, as cotizacións medias de tódalas razas sufriron unha redución con respecto da semana anterior. Mentres, tanto a recría coma o vacún maior cotizaron á alza. Nas mesas de prezos do porcino e no mercado do ovo mantéñense os prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, foron das excepcións deste tipo de gando ó rexistrarse unha baixada do prezo medio de 25 euros. Deste xeito, cotízanse de media a 85 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando do mercado; o prezo medio incrementouse en 9 euros e sitúase nos 121 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 38 euros e o prezo medio foi de 152 euros.

Nos tenreiros de recría de cruzamentos industriais a tendencia tamén foi á alza en boa parte das seccións. Os becerros máis novos, os de menos 20 días, tiveron un prezo medio de 258 euros, o que deixa unha suba de 12 euros. Neste caso foron os tenreiros de entre 20 a 50 días os que supuxeron unha excepción ó rexistrarse unha baixada do prezo medio de 10 euros e cotizarse a 291 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días houbo unha suba mínima no prezo medio dun euro con respecto da semana pasada e sitúanse nos 416 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi á baixa. Nos tenreiros frisóns, o valor medio foi de 675 euros, o que supón unha baixada de 77 euros con respecto do que se pagaba de media a semana pasada. A única femia desta raza vendida esta semana marcou un prezo medio de 340 euros, fronte ós 509 euros que se pagaron a semana pasada por outra becerra frisoa. Os tenreiros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 978 euros, o que deixa unha redución de 36 euros. As femias descontaron 99 euros con respecto da feira anterior e o valor medio está nos 849 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 989 euros, o que supón unha baixada de 109 euros. Nas femias, o valor medio está nos 981 euros, é dicir 118 euros menos que a semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 910 euros, o que supón 181 euros menos que a media da última feira.

No vacún maior a tendencia foi á alza, con algunhas excepcións. As vacas da extra experimentaron unha suba de 51 euros e o valor medio foi de 2.084 euros. Os animais de primeira tiveron unha mínima baixada dun euro e o prezo medio queda nos 1.159 euros. As vacas de segunda rexistran unha suba de 28 euros e o prezo medio é de 780 euros. Nos animais de desfeito o prezo medio foi de 470 euros, o que supón 5 euros máis no prezo medio. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 2.244 euros, o que amosa unha redución de 46 euros con respecto da semana anterior.

Central Agropecuaria vacun 04_10_2022

Sen cambios no porcino

A mesa de cotizacións do porcino mantense sen cambios esta semana tanto para os porcos cebados coma para os leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,750 e 1,725 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,24 euros e os animais de descarte sitúanse entre os 0,73 e os 0,79 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.

O mercado do ovo tamén se mantén sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,62 euros a ducia, os da L están nos 2,32 euros, os ovos da M atópanse a 1,93 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,70 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Central agropecuaria porcino 04_10_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información