Baixada dos prezos medios da recría e subas no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución xeral das cotizacións dos tenreiros de recría. Tendencia á baixa nos becerros carniceiros e subas no vacún maior, con prezos de récord. Subas nos leitóns e no mercado do ovo

Baixada dos prezos medios da recría e subas no vacún maior en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra no recinto feiral de Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría, tanto nos becerros pintos coma nos de cruzamentos. Tamén houbo unha tendencia á baixa nos tenreiros carniceiros, aínda que un macho acadou o mellor prezo do ano ó conseguir os 1.749 euros, o que o converte tamén no segundo maior prezo acadado por un exemplar desta categoría na Central.

O vacún maior experimentou subas en case tódalas categorías, ó tempo que se rexistrou un prezo récord, dun boi mestizo que acadou os 9.121 euros, de xeito que se sitúa coma o terceiro maior prezo pagado neste mercado por un exemplar de vacún maior.

Nas mesas de cotización do porcino, os leitóns experimentaron unha suba do prezo, mentres que o porco cebado mantense estable. O mercado do ovo logrou esta semana de novo subas en tódalas categorías.

Cun repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún coñecemos a evolución do mercado con respecto da semana pasada. Cómpre ter presente que existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, o prezo de referencia dos becerros máis novos, os de menos de 20 días, foi a excepción desta categoría, cunha suba 3 euros e sitúase nos 84 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo medio atópase nos 102 euros, logo dunha baixada de 7 euros. Os animais de máis de 50 días experimentaron a redución de 13 euros e quedan cun valor medio de 132 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais houbo baixadas nas categorías con maior afluencia, nos animais de entre 20 e 50 días. Os machos descontaron 33 euros e cotízanse de media a 307 euros esta semana. Mentres, as femias tiveron unha baixada de 21 euros e quedan nos 241 euros. Mentres, no resto de categorías houbo subas. Así, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron unha suba de 44 euros. Nas femias o prezo mantívose sen cambios, asentándose nos 225 euros. Nos animais de máis de 50 días, os machos tiveron un valor medio de 506 euros, o que supón unha suba de 71 euros. Nas femias o incremento foi de 83 euros e acadan os 359 euros.

No caso dos tenreiros carniceiros houbo baixadas dos prezos medios en boa parte das categorías. Só os becerros de cruces industriais lograron unha suba das cotizacións. O prezo medio dos machos foi de 1.071 euros (63 euros máis). Nas femias xa houbo unha caída de 49 euros e quedan nos 881 euros. Os tenreiros de Rubia Galega descontaron nesta feira 81 euros con respecto da pasada, e quedan nos 1.140 euros. As femias lograron unha suba de 9 euros e sitúanse nun prezo medio de 980 euros. O prezo de referencia nos animais frisóns foi de 643 euros para os machos, o que implica unha baixada de 15 euros. A única becerra frisoa vendida nesta feira marcou un prezo medio de 842 euros. Os animais comercializados baixo o selo Ternera Gallega Suprema tiveron un valor de referencia de 1.046 euros, só 1 euro máis que a semana pasada.

No vacún maior houbo subas dos prezos en case tódalas categorías. A única excepción veu nos animais comercializados baixo o selo da IXP Vaca e Boi de Galicia, que tiveron un prezo de referencia de 2.067 euros, que supón 26 euros menos que a feira anterior. As vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2.191 euros, é dicir, 140 euros máis que a semana pasada. Nos animais de primeira, o prezo situouse nos 1.179 euros, o que supón 36 euros por encima do valor da feira anterior. A vacas de segunda tiveron unha suba de 15 euros e acadan os 779 euros. Nos animais de descarte o valor medio foi de 471 euros, é dicir, 25 euros máis.

Central Agropecuaria VAcun 29_11_2022

Subas nos leitóns

Na mesa de cotizacións do porcino, o prezo do porco cebado mantense estable e rexistráronse novas subas nos leitóns. Así, o porco selecto e o normal teñen un valor de 1,66 e 1,635 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,123 euros. A única modificación produciuse nos animais de descarte, que tiveron unha suba de 0,03 euros e sitúanse entre os 0,74 e os 0,8 euros o quilo.

Nos leitóns houbo unha suba de 1 euro. Deste xeito, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 63 euros (cun prezo de 3,15 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 58 euros e cun prezo por quilo de 2,9 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas de 0,01 euros en tódalas categorías. Tras este incremento, os ovos da XL están a 2,8 euros a ducia, os da L a 2,59 euros, os ovos da M a 2,23 e os da S a 1,98 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas tamén tiveron un aumento de 0,01 euros e sitúanse entre os 0,31 e os 0,38 euros.

A Lonxa do Coello (Loncun) marcou o xoves pasado un prezo de 2,70 euros por quilo.

Central agropecuaria porcino 29_11_2022

Becerro e boi de prezos récord en Silleda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información