Baixada dos prezos gando vacún en Silleda nunha xornada de gran afluencia

A sesión deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizouse pola baixada dos prezos dos becerros de recría, especialmente nos de cruce. Sen cambios no porco cebado e baixada nos ovos

Baixada dos prezos gando vacún en Silleda nunha xornada de gran afluencia

A sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes caracterizouse pola baixada dos prezos do gando vacún, nunha xornada de afluencia récord despois de que a pasada semana non se celebrara a subasta de becerros. Nas mesas de prezos mantéñense sen cambios os do porco cebado, mentres que seguen baixando os ovos e os leitóns.

En gando vacún, os becerros de raza Frisoa baixaron en dúas das tres categorías. Así, na de menos de 20 días a cotización media caeu ata os 105 euros por xato, 23 menos que na poxa de hai dúas semanas. Pero na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, mantivéronse sen cambios nunha media de 143 euros por xato. En canto aos tenreiros de máis de 51 días baixan ata un prezo medio de 154 euros, 18 menos que na última poxa.

Nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral foi a unha baixada de prezos, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos subiron ata os 289 euros, fronte aos 256 da última poxa. Sen embargo, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos baixou ata unha media de 295 euros por animal, 14 menos que a pasada semana. Nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos tamén baixaron ata os 451 euros, fronte aos 455 do anterior mercado.

En canto aos becerros carniceiros de cruce industrial, a raza máis representativa do mercado de Silleda, esta semana cotizáronse a unha media de 885 euros os machos e 750 euros as femias. Na pasada subasta os prezos foron de 919 e 762 euros, respectivamente.

Polo que respecta ao vacún maior, baixaron os prezos, agás na categoría de desvelle. Deste xeito, quedaron en 1.080 euros de media en categoría primeira, 704 en segunda -a máis numerosa- e 471 na de desvelle. O pasado martes as cotizacións foron de 1.074, 714 e 439 euros, respectivamente.

Récord de asistencia de gando

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe varios récords tanto absolutos como anuais. Así, en canto aos becerros de recría, acadáronse as mellores marcas histórica en asistencia e adxudicacións, ao concorrer 1.102 animais (o récord estaba nos 1.013 que acudiran o 5 de outubro de 2010) e ser adxudicados 1.039, e tamén en volume de facturación, ao ascender a 227.100 € (ata hoxe o récord estaba nos 207.801 € do 9 de xaneiro deste ano).

A elevada asistencia explícase porque o pasado martes, 24 de xullo, suspendérase a poxa desta categoría debido ao traslado do mercado de Amio a ese martes por ser festivo o mércores 25 de xullo.

SILLEDA_31_XULLO_vacun

Estabilidade no porco cebado, caída nos leitóns e nos ovos

Polo que respecta ás mesas de prezos, os ovos mantéñense sen cambios na categoría XL en 1,60 euros por ducia. Nas restantes categorías houbo baixadas: 0,01 euros na L, que queda en 1,20 euros a ducia; 0,03 na M, que queda en 0,99 e a S baixa 0,02 euros e sitúase en 0,85 euros a ducia. As galiñas de desvelle quedan nun intervalo de entre 0,07 e 0,14 euros o quilo.

Na Lonxa de Madrid  o coello mantense nos 1,70 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou manter os prezos da pasada semana. Así, nas categorías Selecta e a Normal o quilo queda en 1,280 e 1,255 euros , respectivamente; a Canle segue en 1,630 euros por quilo. E na categoría de desvelle mantense o intervalo de entre 0,63 e 0,69 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, as cotizacións baixaron 0,02 euros esta semana, quedando nunha media de 1,390 euros/kg. No resto de países europeos a tendencia foi tamén á baixada de prezos.

En canto aos leitóns, acordouse seguir cos descensos e baixar 2 euros as cotizacións, quedando nos 28 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 33 euros os procedentes dunha única explotación.

SILLEDA_31_XULLO_PORCINO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información