Baixada dos prezos do gando vacún en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos do gando vacún. A única excepción produciuse nas femias dalgunhas categorías e nas vacas de primeira. Nas Mesas de Prezos, baixa o leitón e as galiñas de desvelle, mentres o porco cebado e os ovos se manteñen

Baixada dos prezos do gando vacún en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca caracterizouse por unha baixada xeralizada nos prezos dos becerros de recría, onde a penas houbo excepcións, que se centraron só nas femias dalgunhas categorías. Tamén se rexistrou unha baixada no vacún maior.

Nas Mesas de Prezos, o porco cebado mantense sen cambios pero houbo unha nova redución do prezo do leitón, que acumula varias semanas de caída do prezo. Mentres, os ovos continúan sen alteracións.

En canto a lonxa de recría, nos becerros de raza Frisón só as femias dalgunhas categorías rexistraron subas namentres no resto se produciron distintas baixadas dos prezos. Nos becerros de menos de 20 días o prezo situouse nos 98 euros, 9 menos ca na sesión pasada. Tamén baixaron as femias nesta sección, cotizándose a 70 euros, 7 euros por debaixo da semana anterior.

Na categoría de machos de 20 a 50 días, a máis numerosa e importante, o prezo reduciuse en 10 euros ata os 113 euros, mentres que no caso das femias desta idade incrementouse en 4 euros, ata os 78 euros de media. A baixada máis significativa produciuse nos becerros de máis de 50 días, que se cotizaron a 131 euros, 42 euros menos que a semana anterior. Pola súa banda, as xatas desta categoría acadaron un prezo de 103 euros, cun incremento de 13 euros.

A situación foi similar no que atinxe á recría dos cruces industriais. O prezo dos becerros de menos de 20 días situouse nos 270 euros, 4 euros por debaixo do martes anterior. As femias, neste caso contabilizaron un incremento de 9 euros no prezo ata acadar os 191 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días o prezo medio caeu 10 euros ata os 309 euros. Nesta sección tamén as femias rexistraron unha baixada do prezo de 23 euros, ata situarse nos 205 euros. Nos becerros de máis de 50 días, a baixada foi de 6 euros e o prezo medio quedou nos 434 euros nos machos mentres que as femias se pagaron a 341 euros, logo de incrementarse o prezo en 11 euros esta feira.

No vacún maior a tendencia tamén foi á baixa coa única excepción das vacas de primeira categoría, cuxo prezo se incrementou en 14 euros, ata acadar os 1.114 euros. Así, nas vacas de segunda categoría houbo unha baixada de 12 euros e o prezo foi de 722, e nos animais de desvelle o prezo medio situouse nos 440 euros, 19 menos que na sesión pasada.

Cotizacions-Central-Agropecuaria-Vacun-16_07_2019-2

Cotizacións do gando vacún na Central Agropecuaria de Galicia.

Un mes de baixadas nos leitóns

En canto ó porcino, a mesa de cotización decidiu manter sen variacións o prezo do porco cebado. O selecto e o normal quedan nos 1,485 e 1,460 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,896 euros o quilo. A única excepción rexistrouse nos animais de desvelle onde se produciu unha baixada de 0,02 euros e o prezo oscila agora entre os 0,70 e os 0,76 euros o quilo.

Os prezos do leitón volven baixar, por quinta semana consecutiva. Nesta sesión o prezo reduciuse en 3 euros. Así, a cotización do bacoriño de 20 quilos queda nos 61,50 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 56,50 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 3,075 e 2,825 euros respectivamente.

Nesta xornada non houbo variacións no prezo dos ovos. Deste xeito, os ovos de categoría XL cotízanse a 1,31 euros a ducia, a L está en 0,99 euros, a M en 0,96 euros e a S a 0,81 euros. Mentres, o prezo da galiña de desvelle depreciouse en 0,01 euros e queda nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

No referido ó prezo do coello, que se fixa na Lonxa de Madrid, continúa sen variacións a 1,85 euros o quilo.

Cotizacións do porcino, os ovos, galiñas e coello.

Cotizacións do porcino, os ovos, galiñas e coello.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información