Na sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes os prezos dos becerros de recría experimentaron unha lixeira caída, mentres que subiron os becerros carniceiros e o vacún maior. Nas mesas de prezos baixa o prezo do porco cebado, namentres os leitóns seguen sen cambios. Os ovos cotizan á alza.
En gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a baixada máis importante deuse na categoría dos tenreiros de menos de 20 días , que pasaron de 110 euros de medio a pasada semana a 84 euros por xato. Na categorías de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa os prezos caeron ata os 114 euros, 9 menos que na pasada feira. A excepción foron os tenreiros de máis de 51 días, onde os prezos subiron de media 2 euros, ata situarse nos 134 euros.
En canto ós tenreiros de Cruces Industrial, a tendencia xeral foi a unha suba de prezos, aínda que con algunhas excepcións. Así, na categoría de menos de 20 días os prezos baixaron nos machos ata os 273 euros, 7 menos que o pasado martes. As femias pasaron de 184 a unha media de 150 euros por animal. Na categoría con maior asistencia, a de 21 a 50 días, tamén houbo baixada de prezos ata quedar nunha media de 343 euros, 6 menos ca na anterior. Nas femias a tendencia foi tamén similar: 211 euros de media por animal esta semana fronte aos 218 da semana pasada. E ao igual que nos becerros de raza Frsiona, na categoría de máis idade, a de máis de 51 días, incrementaron o prezo nos machos ata os 418 euros, fronte ós 377 do mercado pasado. Nas femias tamén houbo suba: pasando dos 247 euros de media do pasado martes aos 307 da poxa de hoxe.
En canto aos becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba das cotizacións, onde a media foi nos machos de 852 euros por animal fronte ós 838 euros da lonxa pasada. As femias tamén subiron dos 744 da semana pasada aos 810 deste martes.
No que respecta ó vacún maior, subiron tamén os prezos en boa parte das categorías, aínda que houbo excepción na de desvelle. Así, as vacas de categoría primeira alcanzaron unha media de 1.086 euros, 27 mais ca no mercado pasado. Tamén na categoría segunda -a máis numerosa- subiu o prezo medio ata os 723 euros, 16 máis que o pasado martes. Pola contra, na de desvelle o prezo foi de 452 euro, 2 menos ca na anterior lonxa.
Baixada do porco cebado e suba dos ovos
En canto ó porco cebado, a mesa de cotizacións acordou unha nova baixada dos prezos. Nas categorías Selecto e Normal a baixada foi de 0,02 euros, polo que o quilo sitúase en 1,130 euros e 1,105 respectivamente. A Canle II baixou 0,026 euros e o prezo por quilo foi de 1,435 euros. A categoría de desvelle tamén baixa 0,02 euros, de forma que o intervalo queda entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.
As cotizacións europeas mantéñense sen cambios en países como Alemaña, que é ademais o referente para os prezos do porcino en Europa, onde o prezo medio queda nos 1,400 euros por quilo. No resto de países europeos a tendencia foi á estabilidade de prezos.
No referido ó leitón, acordouse manter as cotizacións sen cambios quedando unha semana máis nos 32 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 37 euros para os dunha única granxa.
No que respecta ós ovos, produciuse unha subida de 0,01 euros na categorías XL, que queda en 1,68 euros a ducia; a L e a S mantéñense sen cambios en 1,24 e 0,81 euros a ducia, respectivamente; mentres que a M sobe 0,02 euros ata os 1,00 euros a ducia.
En canto ao coello mantén estable a súa cotización Lonxa de Madrid cun prezo de 2,15 euros o kilo. .