Baixada dos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución das cotizacións dos tenreiros carniceiros, así como na recría. As mellores categorías do vacún maior incrementaron o seu valor. As mesas do porcino acordan baixadas para porco cebado e leitóns

Baixada dos prezos dos becerros carniceiros en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia, celebrada cada semana en Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou unha baixada xeral nos prezos dos becerros carniceiros, así como na recría. Mentres no vacún maior, a tendencia foi á alza no gando de mellor calidade. Unha semana máis, as mesas do porcino, acordaron novas baixadas dos prezos para o porco cebado como nos bacoriños. O mercado do ovo mantense sen cambios.

Nesta xornada, as baixadas máis destacadas producíronse nos becerros carniceiros. Nos exemplares de raza frisoa houbo un desconto de 134 euros con respecto do prezo da semana pasada, o que deixa un prezo medio de 523 euros. Os machos de cruzamentos industriais rexistraron unha baixada de 56 euros, mentres que nas femias foi de 101 euros. Deste xeito cotízanse a 846 e 676 euros, respectivamente. Nos becerros de Rubia Galega, o prezo medio foi de 994 euros, o que supón unha baixada de 9 euros. As femias desta raza foron a única excepción ó conseguir unha suba de 220 euros e acadar un prezo medio de 1.021 euros. O prezo para os tenreiros con selo Ternera Gallega Suprema foi de 869 euros, o que supón unha baixada de 36 euros.

Na recría, os becerros frisóns cotizaron á baixa. Nos animais de menos de 20 días produciuse unha redución de 6 euros, o que deixa un prezo medio de 97 euros. Na categoría máis numerosa, os becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha leve suba dun euro, de maneira que o prezo medio é de 114 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días tamén se produciu unha baixada, neste caso de 5 euros, polo que cotízanse a 136 euros.

Nos becerros de cruces industriais a tendencia foi semellante. Os exemplares máis novos, de menos de 20 días foron a excepción, cunha suba de 18 euros, co que acadan un prezo medio de 253 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia nesta sesión, o prezo medio foi de 275 euros, logo dunha baixada de 14 euros. Os tenreiros de máis de 50 días acusaron unha baixada de 44 euros, de xeito que se cotizan a 361 euros.

No vacún maior, as categorías de maior calidade rexistraron unha suba dos prezos. Así, as vacas extra acadan os 1.976 euros, cun incremento de 107 euros con respecto da feira pasada. Tamén os animais de primeira cotizaron á alza, cunha suba de 103 euros sitúanse en 1.184 euros. Mentres, nas vacas de segunda produciuse unha baixada de 41 euros e o prezo medio é agora de 715 euros. Nos exemplares de desfeito o prezo medio foi de 441 euros, ó descontar 27 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia acusaron unha baixada de 41 euros, e atópanse nos 1.643 euros.

Central Agropecuaria Vacuno 20_07_2021

Baixadas no porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas das cotizacións tanto no porco cebado como nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,05 euros, polo que se cotizan a 1,385 e 1,360 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,766 euros, logo dunha baixada de 0,065 euros. Os porcos de desfeito acusaron tamén unha baixada de 0,05 euros e agora cotízanse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo.

Nos leitóns tamén houbo baixadas, que foron de 5 euros por animal. Así os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 40 euros (cun prezo de 2 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías situáronse nos 35 euros e cun prezo por quilo de 1,75 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria Porcino 20_07_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información