Baixada dos prezos da recría e dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixada das cotizacións dos tenreiros de recría e dos carniceiros. Subas no vacún maior. As mesas de porcino acordan incrementos para o porco cebado e os leitóns

Baixada dos prezos da recría e dos becerros carniceiros en Silleda

Animais no recinto feiral de Silleda (Pontevedra). // Foto de arquivo.

Na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra) a tendencia dos prezos este martes foi á baixa, con reducións na recría, así coma nos becerros carniceiros. No caso do vacún maior, boa parte das seccións experimentaron un incremento das cotizacións. Nas mesas de prezos do porcino, acordouse unha nova suba tanto para o porco cebado coma para os leitóns. Os ovos mantéñense sen apenas variacións, igual que o coello.

Nos becerros frisóns de recría, os prezos reducíronse en tódalas categorías. Os animais con menos de 20 días descontaron 10 euros, ata quedar cun valor medio de 51 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa, a baixada foi de 5 euros e sitúanse en 80 euros. Os exemplares de máis de 50 días reduciron o seu prezo en 16 euros e atópanse agora en 89 euros.

A mesma tendencia se observou nos becerros de cruces industriais, mentres que nas femias, en boa parte das categorías, houbo subas. Os machos de menos de 20 días pasan a cotizarse a 190 euros, tras unha baixada de 52 euros. Porén, as becerras incrementan o seu valor en 10 euros e acadan os 149 euros. Nos exemplares de entre 20 e 50 días, os machos descontaron 8 euros, polo que quedan en 245 euros, e as femias están agora a 175 euros, logo dunha suba de 4 euros. Os becerros de máis de 50 días foron a excepción, cunha baixada que afectou tanto a machos como a femias, os primeiros descontaron 26 euros e quedan en 315 euros, e nas becerras a baixada foi de 24 euros e sitúanse nun prezo medio de 204 euros.

Os becerros carniceiros tamén experimentaron destacadas baixadas. Os máis afectados por esta redución das cotizacións foron os becerros de Rubia Galega, que no caso dos machos descontaron 115 euros e o prezo medio é de 799. As femias desta raza sitúanse en 789 euros, tras unha redución do seu valor de 113 euros. Nos becerros de cruces industriais o prezo medio foi de 744 euros, o que supuxo unha baixada de 99 euros. As femias atópanse cun prezo medio de 702 euros, ó descontar 15 euros. Esta semana houbo tamén becerros frisóns, que acadaron un valor medio de 442 euros, o caso dos machos supuxo unha suba de 43 euros. Tamén se adxudicaron 2 femias frisoas, que marcaron un prezo medio de 391 euros. Nos exemplares que contan co selo Ternera Gallega Suprema, o prezo medio foi de 780 euros, o que supón unha redución de 81 euros con respecto do acadado a semana anterior.

Nesta xornada, as subas producíronse en boa medida no vacún maior. As vacas da categoría extra cotízanse a 1.732 euros, ó experimentar un incremento de 128 euros. Nas vacas de segunda, a suba foi de 14 euros e agora están nun prezo medio de 706 euros. Os animais de desfeito sumaron 7 euros e acadan os 469 euros. A única baixada produciuse no vacún de primeira, que pasa a cotizarse a 1.080 euros, ó descontar 47 euros. O único animal adxudicado co selo Vaca/Boi de Galicia, de Ternera Gallega, vendeuse a 1.551 euros.

Central-Agropecuaria-Vacuno-02_02_2021-2

Subas no porcino

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en boa parte das seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementou o seu valor en 0,01 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,145 e 1,120 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,013 euros, e acadan así un valor medio de 1,455 euros. A única excepción produciuse nos porcos de desfeito que se mantiveron sen cambios e cotízanse entre os 0,45 e os 0,51 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 1 euro, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 57 euros, cun prezo de 2,85 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,6 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 52 euros.

O mercado do ovo mantívose esta semana case sen cambios. A única variación foi a suba dos ovos da categoría M, que incrementan o seu valor en 0,02 euros e cotízanse a 0,96 a ducia. Mentres, os da XL están a 1,49 euros, os da L atópanse a 1,07 euros e os da S comercialízanse a 0,76 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, mantivéronse sen cambios e atópanse entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

 

Central-Agropecuaria-Porcino-02_02_2021-1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información