Baixada dos prezos da recría e dos becerros carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia acusa un recorte dos prezos dos becerros de recría e dos carniceiros. As mellores categorías do vacún maior tamén cotizaron á baixa. As mesas do porcino seguen acordando baixadas para o porco cebado e os leitóns

Baixada dos prezos da recría e dos becerros carniceiros en Silleda

Recría de raza frisoa no recinto feiral de Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou unha baixada xeral nos prezos dos becerros de recría e dos carniceiros. No vacún maior, o gando de máis calidade tamén acusou prezos á baixa. Unha semana máis, as mesas do porcino acordaron novas baixadas dos prezos para o porco cebado e os bacoriños. O mercado do ovo mantense sen cambios.

En concreto, nos becerros de recría, a baixada de prezos afectou a boa parte das categorías e razas, con mínimas excepcións. Nos tenreiros frisóns, os animais de menos de 20 días acusaron unha baixada de 24 euros, polo que se cotizan a 73 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, descontáronse 12 euros e o prezo medio foi de 102 euros. Nos exemplares de máis de 50 días, houbo unha baixada de 19 euros, que deixa os animais cun valor medio de 117 euros.

A recría de cruces industriais acusou unha tendencia semellante. Os tenreiros máis novos descontaron 5 euros e sitúanse en 248 euros. Nas femias desta sección a baixada foi de 19 euros e quedan en 156 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, das categorías con maior afluencia do mercado, reduciuse o valor en 20 euros e atópanse nos 255 euros. As femias descontaron 17 euros e cotízanse a 187 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron das poucas excepcións da xornada, cunha suba de 51 euros, acadan os 412 euros. Nas femias o incremento foi de 43 euros e conseguen un valor medio de 329 euros.

Os becerros carniceiros tamén cotizaron á baixa este martes, aínda que se rexistraron algunhas subas. Unha delas produciuse nos becerros frisóns, que incrementaron o seu valor en 6 euros e situáronse nun prezo medio de 529 euros. A única femia desta categoría que se adxudicou marcou un prezo medio de 596 euros. Nos becerros de cruces industriais descontáronse 3 euros e atópanse cun valor de 843 euros. Mentres, nas femias produciuse unha suba de 132 euros que lle permite lograr os 808 euros. Na Rubia Galega, os becerros descontaron 41 euros e as tenreiras 127 euros. Deste xeito, cotízanse a 953 e 894 euros, respectivamente. Nos animais co selo Ternera Gallega Suprema o prezo medio foi de 904 euros, o que supón 35 euros menos que a feira pasada.

No vacún maior, as categorías de maior calidade acusaron unha baixada dos prezos. Así, as vacas extra caeron 157 euros e cotízanse a 1.819 euros. Os animais de primeira tamén descontaron 83 euros e están nun prezo medio de 1.101 euros. Mentres, as vacas de segunda incrementaron o seu valor en 25 euros e acadan os 740 euros. Do mesmo xeito, as vacas de desfeito conseguiron unha suba de 27 euros, que as deixa nos 468 euros. Nos exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia o prezo medio foi de 1.252 euros, ó descontar 391 euros.

Central Agropecuaria vacuno 27_07_2021

Baixadas no porcino

Esta semana, as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas das cotizacións tanto no porco cebado como nos leitóns. No porco selecto e no normal o prezo reduciuse 0,05 euros, polo que se cotizan a 1,335 e 1,310 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,701 euros, logo dunha baixada de 0,065 euros. Os porcos de desfeito mantéñense esta semana sen cambios e cotízanse entre os 0,52 e os 0,58 euros o quilo.

Nos leitóns houbo baixadas de 5 euros por animal. Así os exemplares procedentes dunha única granxa quedaron nos 35 euros (cun prezo de 1,75 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías situáronse nos 30 euros e cun prezo por quilo de 1,5 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Deste xeito, os ovos da XL cotízanse a 1,88 euros a ducia, os da L están a 1,41 euros, os da M atópanse a 1,28 euros e os da S páganse a 1,04 euros. As galiñas de descarte continúan entre os 0,15 e os 0,22 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo segue unha semana máis en 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria porcino 27_07_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información