A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA celebrou con normalidade a sesión deste martes despois de que o mercado de gando da semana pasada tivera que ser suspendido debido a un ciberataque que afectou ao sistema informático que fai posible a poxa dixital instaurada en Silleda.
O mercado de gando acadou este martes unha nova marca récord en canto a transaccións na categoría de becerros de recría. Así, a facturación destes animais foi de 620.323€ (ata agora o máximo estaba nos 544.608€ do pasado 17 de xuño). Unha cantidade favorecida polo número de animais e polo prezo medio rexistrado na sesión polos becerros de recría, que foi a segunda máis alta rexistrada neste mercado, con 721,31€ (o prezo medio máis alto da categoría sitúase nos 729,06€ do 17 de xuño).
As transaccións en becerros de recría, sumadas á facturación de becerros carniceiros e vacún maior, deron lugar hoxe a unha facturación conxunta da sesión de 1.739.266€, a segunda máis alta neste mercado (a máxima é o 1.952.514€ do 17 de xuño).

A suspensión do mercado da semana pasada fixo aumentar o número total de animais de recría, que acadou os 877. En canto aos prezos por categorías, baixaron os xatos e xatas de raza frisoa, mentres que os de cruce industrial mantiveron cotizacións semellantes ás da última sesión rexistrada, a do 17 de xuño.

No que respecta os becerros carniceiros, a asistencia foi inferior e os prezos máis elevados no caso dos xatos de raza frisoa, lixeiramente inferiores para os de cruzamento industrial e de case 100 euros mais por animal no caso dos de rubia galega. A Ternera Galega Suprema pagouse de media a 1.644 euros por cabeza.
Por outra banda, as transaccións na categoría de vacún maior foron as segundas máis altas da historia do mercado, con 837.507€ (as máximas son o 1.030.450€ do 17 de xuño). Houbo 60 animais menos e notouse unha caída nos prezos das vacas tanto de categoría extra, que se pagaron de media 60 euros menos, coma nas de segunda, que cotizaron 20 euros por baixo da sesión do 17 de xuño.

No que respecta ás Mesas de Prezos de porcino, coello e galiñas, deuse un novo descenso de 5 euros nos bacoriños, mentres o resto de categorías non sufriron variacións.
Pódese descargar o pdf con todas as cotizacións desta semana neste enlace.
Galego









Control OJD