Baixada dos becerros frisóns de recría e subas nos carniceiros en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha redución dos prezos dos tenreiros de recría de raza Frisoa e no vacún maior. Nos carniceiros houbo subas na maioría das categorías. O porco cebado continúa coa tendencia á alza e estabilízase o prezo dos leitóns

Baixada dos becerros frisóns de recría e subas nos carniceiros en Silleda

Animais no mercado de gando de Silleda. // Foto de arquivo.

Este martes os prezos dos becerros de recría de frisón volveron baixar na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra). Mentres a tendencia nos de cruces industriais, así como nos tenreiros carniceiros, foi á alza. O gando maior tamén sufriu unha baixada dos prezos. No caso do porcino, as mesas de negociación acordaron novas subas no porco cebado e os leitóns mantivéronse sen cambios.

No caso dos becerros de recría de raza Frisoa, tralas subas xerais da semana pasada, esta mañá produciuse unha baixada que afectou a tódalas categorías. Os animais de menos de 20 días acusaron a maior caída, cunha redución de 24 euros e pasan a un prezo medio de 92 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o prezo situouse nos 107 euros, logo dunha baixada de 19 euros. A redución máis moderada produciuse nos becerros de máis de 50 días, que se cotizaron a un prezo medio de 136 euros, 18 euros menos que hai unha semana.

Nas razas de cruces industriais a tendencia foi á alza, salvo excepcións nalgunhas categorías. Nos becerros de menos de 20 días o prezo medio situouse nos 168 euros, 35 euros máis do acadado a semana pasada. Aínda así, continúa case á metade do prezo que se cotizaba a mediados de marzo, na última sesión antes de que se paralizase a actividade no mercado a causa do coronavirus. Os animais de entre 21 e 50 días foron a única excepción e reduciron en 10 euros o seu valor, polo que pasan a situarse nun prezo medio de 248 euros. Nos becerros de máis de 50 días produciuse unha suba de 6 euros e acadan os 334 euros. Ó igual que na categoría anterior, seguen con prezos un 20% máis baixos do que conseguiran a mediados de marzo.

A tendencia foi á alza nos becerros carniceiros. Nos frisóns o prezo medio situouse nos 470 euros, logo dun incremento de 14 euros. Nos tenreiros de cruces industriais houbo unha suba de 21 euros no caso dos machos, que os situou nos 800 euros, mentres que nas femias desta categoría o prezo medio foi de 817 euros, tras un aumento do valor de 93 euros.

No vacún maior, as vacas de primeira categoría rexistraron unha baixada de 39 euros e sitúanse nun prezo medio de 1.053 euros. Tamén os animais de segunda categoría reduciron o seu valor, neste caso en 8 euros, ata os 702 euros. Só as vacas de desvelle experimentaron unha suba de 7 euros, polo que pasan a cotizarse a 453 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-16_06_2020--Vacun-

Subas no porcino

Nas mesas de negociación do porcino acordouse unha suba no porco cebado mentres que nos leitóns se mantén o prezo da semana pasada.

No porco cebado houbo subas en tódalas categorías. Así, o valor do porco selecto e o normal incrementouse en 0,010 euros e sitúanse a un prezo medio de 1,315 e 1,290 euros respectivamente. Nos animais de Canal II a suba foi de 0,013 euros ata acadar 1,675 euros por quilo. Nos porcos de desvelle o prezo incrementouse en 0,020 euros ata situarse entre 0,50 e os 0,56 euros por quilo.

Os leitóns manteñen os prezos por segunda semana consecutiva, de modo que os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 52 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías teñen un valor de 47 euros. O prezo por quilo é de 2,6 e 2,35 euros respectivamente.

Na lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello mantense tamén sen variacións e cotízase a 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-Galicia-16_06_2020-Porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información