Baixada dos becerros de recría frisóns en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes unha baixada dos prezos dos becerros de recría de raza Frisoa. Tamén baixaron os tenreiros carniceiros e o vacún maior. Nas mesas de prezos, nova suba do leitón e dos ovos

Baixada dos becerros de recría frisóns en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou esta semana unha baixada xeral dos prezos que no caso dos becerros de recría de raza Frisoa afectou a tódalas categorías. Tamén se rexistrou unha baixada da cotización dos tenreiros de cruces carniceiros, así como no vacún maior. Mentres, nas mesas de prezos, o leitón encadea unha nova semana de subas e o porco cebado mantense sen cambios.

En canto ó gando de recría de Frisoa, houbo baixadas en tódalas seccións. Nos animais de menos de 20 días reduciuse o prezo en 8 euros para situarse en 63 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, cotizáronse a 84 euros, 13 menos que a semana anterior. A baixada máis importante rexistrouse nos animais de máis de 50 días que pasan a 102 euros, 18 euros por debaixo do prezo da pasada feira.

Nos becerros de cruces industriais, os animais de entre 20 e 50 días, a sección con máis exemplares, rexistrou tamén unha caída do prezo en 15 euros para pasar a cotizarse a 348 euros. Porén, nas outras dúas categorías o prezo incrementouse. No caso dos animais máis novos, os de menos de 20 días, a suba foi de 23 euros para acadar os 344 euros. Nos becerros de máis de 50 días, o incremento foi de 68 euros ata situarse nun prezo medio de 427 euros.

Esta semana non houbo becerros carniceiros de raza Frisoa e nos de cruces industriais a tendencia foi á baixa. No caso dos machos o prezo situouse en 779 euros, 54 menos que a semana pasada, e as femias cotizáronse a 633 euros, logo dunha baixada de 158 euros.

No vacún maior só se rexistrou unha suba nas vacas de primeira que incrementaron o seu valor en 14 euros para pasar a cotizarse a 1.082 euros. Nos animais de segunda categoría produciuse unha baixada dun euro para situarse en 724 euros e nas vacas de desvelle o prezo reduciuse en 22 euros e quedaron en 442 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-12_11_2019-Vacuno

Suba dos leitóns

En canto ó porcino, as mesas de cotizacións acordaron manter sen cambios esta semana o prezo do porco cebado. Así, o porco cebado selecto e normal sitúase en 1,455 e 1,430 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II cotízase a 1,857 euros o quilo e os porcos de desvelle atópanse entre 0,75 e 0,81 euros.

Os leitóns experimentaron esta semana unha nova suba de 2 euros por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa cotízase a 65 euros e os animais chegados de varias ganderías páganse a 60 euros. O prezo por quilo é de 3,25 e 3 euros respectivamente.

Os ovos tamén experimentaron esta semana un incremento dos prezos de entre 0,01 e 0,03 euros, dependendo das categorías. Os ovos da categoría XL foron os únicos nos que se mantivo o mesmo prezo, cotizándose a 1,46 euros a ducia. Mentres, nos ovos da categoría L houbo un incremento de 0,01 euros e pasa a pagarse a 1,31 euros. Na M o aumento foi de 0,02 euros e acadan os 1,20 euros e no caso da S cotízase a 0,98 euros a ducia logo dunha suba de 0,03 euros. O prezo das galiñas de desvelle mantense sen cambios e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Esta semana tampouco houbo cambios no prezo do coello que se cotiza a 2,30 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Galicia-12_11_2019-Porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información