Baixada dos becerros de recría en Silleda e suba do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e pola baixada dos becerros de recría. Subas tamén no porco cebado, nos leitóns e nos ovos

Baixada dos becerros de recría en Silleda e suba do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e pola baixada dos becerros de recría. Subas tamén no porco cebado, nos leitóns e nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, baixaron os prezos en todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo caeu ata os 97 euros por xato. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 66 euros por animal, 14 menos que a pasada semana. E nos becerros de máis de 50 días o prezo tamén baixou ata os 120 euros de media por animal, fronte aos 124 da anterior poxa.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi igualmente á baixa. Deste xeito, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, os prezos situáronse nos machos en 340 euros, 11 menos ca na sesión anterior. Nas femias non houbo apenas cambios, quedando nunha media de 218 euros por becerra, dous menos que a semana pasada. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos caeu ata os 297 euros, fronte ós 305 euros que se pagaron na última poxa. A excepción foron os becerros de máis de 50 días, onde os machos tamén subiron de prezo ata situarse nunha media de 497 euros por animal, fronte aos 413 da sesión anterior, mentres que nas femias a media tamén subiu ata os 296 euros por becerra, fronte aos 283 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha baixada do prezo, cotizándose a unha media de 799 euros por animal nos machos, fronte aos 884 da lonxa pasada. As femias tamén baixaron ata os 707 euros de media, 24 menos que na última sesión.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi á suba. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios quedaron nunha media de 713 euros por animal, 3 máis que o martes pasado. Nas vacas de primeira a media foi de 1113 euros, 38 máis que na anterior poxa. A categoría de desvelle foi a excepción, baixando o prezo ata unha media de 456 euros por animal, fronte aos 478 da semana anterior.

silleda_19_02_03_vacun

Suba do porco cebado, dos leitóns e dos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou tamén esta semana unha suba en todas as categorías, agás no desvelle. Así, o selecto e o normal subiron 0,02 euros quedando nos 1,120 e 1,095 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba acordada foi de 0,026 euros ata quedar nos 1,422 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle queda sen cambios nun intervalo de entre 0,49 e 0,55 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, subiron esta semana 1 euro. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 58 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 63 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,90 e 3,15 euros respectivamente.

No referido ós ovos subiron os prezos en case todas as categorías: a XL sobe 0,03 euros ata os 1,4 euros a ducia; a L mantense sen cambios nos 1,02 euros; na M e na S a suba acordada foi tamén de 0,03 euros, quedando a ducia nos 0,95 e 0,80 euros, respectivamente.

A galiña de desvelle mantense sen cambios nun intervalo de entre 0,09 e 0,16 euros o quilo.

Por ultimo, no coello a súa cotización mantense tamén sen cambios na Lonxa de Madrid nos 1,70 euros.

silleda_19_02_03_porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información