Baixada dos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra unha baixada xeral na cotización da recría e nalgunhas categorías dos becerros carniceiros. A mesa do porcino acorda unha baixada nos leitóns e o mercado do ovo experimenta reducións en tódalas seccións

Baixada dos becerros de recría en Silleda

Becerros nunha sesión do mercado en Silleda. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, rexistrou este martes unha baixada xeral dos prezos da recría, logo da lixeira recuperación da semana pasada. Nos becerros carniceiros tamén houbo baixadas nos cruces industriais. No vacún maior as categorías de maior calidade incrementaron o seu valor. Nas mesas de prezos do porcino acordaron unha baixada para os leitóns. Tamén no mercado do ovo houbo reducións do prezo en tódalas seccións.

Na recría, a baixada dos prezos afectou a case tódalas categorías. No gando frisón, os exemplares máis novos, de menos de 20 días, cotizáronse a 79 euros, tras descontar 9 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa e representativa da Central, a baixada foi de 17 euros, polo que quedan en 97 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, houbo unha redución de 11 euros ata os 116 euros.

Nos becerros de cruces industriais, a maior baixada experimentouse nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, que descontaron 50 euros e pasan a cotizarse a 233 euros. Nas femias desta sección a redución foi de 17 euros, polo que teñen un prezo medio de 163 euros. Os animais de entre 20 e 50 días, descontaron 12 euros e sitúanse en 281 euros. As femias, pola contra, incrementaron en 3 euros o seu valor ata cotizarse a 210 euros. Tamén nos becerros de máis de 50 días a tendencia foi á alza, con subas de 2 euros para os machos, que acadan os 435 euros; e de 69 euros para as femias que se sitúan nos 368 euros de media.

Esta semana os becerros carniceiros de cruces industriais experimentaron unha baixada de 17 euros ata un prezo medio de 764 euros. Nas femias desta categoría houbo unha suba de 12 euros que as deixa nos 750 euros. Os machos de Rubia Galega incrementaron o seu valor en 136 euros e acadaron os 1.006 euros de media. Nas femias, pola contra, houbo unha baixada de 74 euros que as leva ós 743 euros. Os becerros frisóns fixaron un prezo medio de 565 euros despois de que a semana pasada non se chegara a adxudicar ningún exemplar. Mentres, os animais que contan con selo Ternera Gallega Suprema cotizáronse a 844 euros, o que supón un incremento de 21 euros con respecto da feira pasada.

As categorías de maior calidade do vacún maior experimentaron esta semana novas subas. Así, as vacas extra pasan a cotizarse a 1.890 euros logo dunha suba de 41 euros. Nos animais de primeira o incremento foi de 27 euros e acadan os 1.150 euros. Mentres, as vacas de segunda descontaron 17 euros e quedan en 714 euros e as de desfeito rebaixaron 1 euro ata os 448 euros.

Central Agropecuaria Galicia 20-04-2021

Baixadas nos leitóns

As mesas de cotizacións do porcino acordaron unha baixada dos prezos dos leitóns, mentres que o porco cebado continúa sen cambios esta semana. Así, o porco selecto e o normal cotízanse a 1,515 e 1,490 euros o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II están a 1,935 euros e os porcos de desfeito sitúanse entre os 0,82 e os 0,88 euros o quilo.

Nos leitóns a baixada foi de 4 euros para tódalas categorías. Os animais de 20 quilos procedentes dunha única gandería quedan en 81 euros, cun prezo de 4,05 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 3,8 euros o quilo e o exemplar ten un valor de 76 euros.

No mercado do ovo tamén houbo unha baixada dos prezos. Os ovos da XL tiveron unha redución de 0,02 euros polo que están a 1,64 euros a ducia. O resto de categorías acusaron unha baixada de 0,03 euros de xeito que os da L cotízanse a 1,25 euros, os da M páganse a 1,12 euros e os da S quedan en 0,88 euros a ducia. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, continúan cun prezo de entre os 0,12 e os 0,19 euros por quilo.

O prezo do coello mantense sen cambios e o quilo cotízase a 1,80 euros na Lonxa de Madrid.

Central Agropecuaria porcino 20_04_2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información