As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia Abanca caracterizáronse pola tendencia á baixa nos prezos dos becerros de recría, sobre todo de raza Frisona, e pola suba acordada para o porco cebado, leitóns e ovos. O coello mantense sen cambios na Lonxa de Madrid.
En concreto, nos tenreiros de recría de raza Frisoa os prezos este martes baixaron en case todas as categorías. Así, na de menos de 20 días, a cotización media descendeu ata os 122 euros, fronte aos 133 da pasada semana. Na de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa, a media tamén baixou ata os 144 euros por xato, nove menos que o pasado martes. Pola contra, na categoría dos tenreiros de máis de 51 días, os prezos subiron ata unha media de 183 euros, tres máis que a semana anterior.
En canto aos becerros de Cruzamento industrial, as oscilacións nos prezos esta semana foron á baixa, pero menos que en Frisón. Así, na categoría de menos de 20 días, as cotizacións medias caeron nos machos ata os 260 euros, fronte aos 276 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos caeu lixeiramente, quedando nos 318 euros de media, dous menos que o pasado martes. Nas femias, pola contra, o prezo medio subiu: 233 euros, fronte aos 219 da anterior poxa. Nos xatos de máis de 51 días o prezo medio tamén subiu ata os 442 euros, fronte aos 433 euros de media da pasada semana.
No vacún maior a tendencia xeral foi a unha leve recuperación dos prezos. Deste xeito, quedaron en 1.107 euros de media en categoría primeira, 723 en segunda -a máis numerosa- e 432 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.104, 722 e 463 euros, respectivamente.
As cotizacións quedaron da seguinte maneira:
Suba dos ovos e sen cambios no coello
Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse unha semana máis subir un 0,02% as cotizacións das categorías L e M, que quedaron nos 1,33 e 1,25 euros a ducia, respectivamente . A XL e a S mantivéronse sen cambios nos 1,41 e 1,03 euros a ducia, respectivamente.
Nos coellos, na Lonxa de Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse manter os prezos da pasada semana: 1,70 euros o quilo.
Suba do porco cebado e dos leitóns
En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou esta semana subir de novo as cotizacións,aproveitando a boa conxuntura que atravesa o sector. Así, nas categorías Selecta e Normal as cotizacións subiron un 0,04%, acadando os 1,395 e 1,370 euros por quilo, respectivamente; a Canle II subiu un 0,052% ata os 1,779 euros por quilo. O desvelle tamén subiu un 0,03%, quedando nun intervalo de prezos de entre 0,92 e 0,98 euros o quilo.
En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, as cotizacións repuntaron esta semana un 0,05% ata os 1,730 euros o quilo, unha suba seguida nos principais países da Unión Europea.
En canto aos leitóns, acordouse tamén subir as cotizacións un 1% ata os 61 euros para os procedentes de varias explotacións e os 66 euros para os procedentes dunha única explotación.
Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira: